Cervo celebra a súa VIII Foliada e feira de artesanía na Praza do Souto o 4 de maio

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir o sábado 4 de maio á VIII Foliada e á Feira de Artesanía e Alimentación, que terán lugar na Praza do Souto desde as 11:00 horas.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, representantes da Deputación, e por membros da A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, da agrupación Fol do Raxal e A Morena, que organizan o evento no que colabora, como cada edición, o Concello de Cervo.

O día está repleto de actividades diversas pensadas para desfrutar con amigos e familia. Ás 11:30 horas, está previsto un obradoiro de construción de xoguetes musicais da man de Pablo Pintor, que se desenvolverá nas Escolas Vellas de Cervo. Ás 12:00 horas, no salón de actos do Concello, terá lugar a presentación do traballo de investigación a Gaita na Terra de Melide, co seu autor, Suso Ascariz. Un percorrido sonoro, literario e fotográfico pola tradición musical da zona. Tamén ao mediodía, arrincarán os cantos de taberna coa participación de A Rebolaxe, Amiguinhas Foliadeiras, Antoxo duns Poucos, Arume, Cordenaia, Ledicia, Os Netos de Escribano e Os do 21. A continuación está prevista a sesión vermú coa Charanga Alxibeira.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, nas Escolas Vellas, terá lugar un obradoiro impartido por Branca Villares, sobre a Festa dos Maios. E tamén haberá na Praza do Souto Xogos Populares con Xotramu. Ás 18:30 horas, será a Foliada coas actuacións de As Faíscas, As Ferriñas,  Fol  do Raxal, Ledicia, Maravalla, O Arco da Vella e Saíñas. Como peche de festa, ás 22:00 horas, terá lugar o concerto de Faíscas da Pontraga, seguido de Foliada Libre e Queimada.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo animar a veciños e visitantes a que se acheguen a desfrutar desta xornada en Cervo, na que se mesturan tradición, cultura e artesanía “nunha contorna privilexiada como é a capitalidade municipal, que sempre sorprende e marabilla a quen a descubre por primeira vez e que é un lugar de encontro acolledor para os que xa a coñecen”.

A rexedora tamén quixo felicitar á organización, A Morena, Fervenza de Sargadelos e Fol do Raxal, que “son todo un exemplo da riqueza cultural e asociativa que temos no noso municipio e que contribúen enormemente a difundir a cultura galega e tamén a dinamizar o noso municipio coas diferentes actividades que programan durante o ano”, e nesta ocasión quixo destacar a “capacidade para reunir a unha representación importante da riqueza folclórica tradicional da Mariña” nun evento que ano tras ano é un éxito de participación; como de seguro o vai volver ser o próximo 4 de maio, “porque ten todos os ingredientes para elo”.