Chega a Viveiro o 2 de decembro "A cabeza do dragón", unha adaptación de Valle-Inclán. No escenario estarán, entre outros, Quico Cadaval, Víctor Mosqueira e María Costas.

A representación de Producións Teatrais Excéntricas terá lugar o sábado, 2 de decembro, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. 

A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea. Un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido o rei, seu pai. No seu camiñar, cheo de experiencias, vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, débenlle entregar a princesa Brancaflor ao monstruo se queren salvar as vidas e as facendas do reino. Mascarado para ocultar a súa identidade, Verdemar mata o Dragón coa espada máxica e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, topa a cabeza do monstro, e con ela vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino. Ela rexeita o impostor, e aquí é onde traballa o Duende, que leva toda a historia a coidar do príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade. Esta fabula, que é do dominio público, está brillantemente manipulado polo autor. Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso... A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento.

Entre a magnética influencia do Xapón e a potente tradición da farsa europea, chea de máscaras e de acrobáticos combates, móvese esta primeira versión galega de “A Cabeza do Dragón” no 80 aniversario da morte de Valle-Inclán. PT Excéntricas conseguiu a colaboración de Baltasar Patiño, unha referencia no teatro español, para o espazo escénico e a iluminación. A indumentaria e o deseño gráfico son un traballo da imaxinación e da man de Suso Montero. A música é unha partitura composta ex-profeso por Javier María López para a noso espectáculo. A gravación desta BSO estivo dirixida polo mestre Diego García Rodríguez, comandando o T.A.C (Taller Atlántico Contemporáneo), formado por prestixiosos músicos, moitos deles profesores da Real Filarmonía de Galicia. O espectáculo conta cunha coreografía específica de loitas e combates de Iván Marcos. A versión galega e a dirección son, mais unha vez, responsabilidade de Quico Cadaval, que conta cun alargado elenco de oito actores e actrices encabezado por Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto, María Costas , Marcos Orsi e Quico Cadaval, que tamén está presente en escena. “A Cabeza do Dragón” non é só un dos espectáculos teatrais da tempada, se non que tamén é todo un acontecemento cultural. O primeiro Valle-Inclán en galego tivo unha extensa xira de presentación.