Chegan por terceiro ano consecutivo as Xeorutas pola praia das Catedrais e por Rinlo, en Ribadeo. Serán do 1 de agosto ao 30 de setembro.

Dende mañá, 1 de agosto, e ata o 30 de setembro, levaranse a cabo por terceira vez as Xeorutas en Ribadeo, que se encadrarán dentro do proxecto denominado Arcos e Cantís, realizado en colaboración cos Concellos de Burela e Cedeira,  e que ten como obxectivo principal  un  turismo diferenciado empregando a xeodiversidade do territorio como fío condutor. 

Segundo explica a concelleira de Turismo, Ana Martínez, “estas Xeorutas se presentan como itinerarios interpretativos e informativos sobre a riqueza xeolóxica e sobre o patrimonio natural presente na costa de Ribadeo. O que busca é redescubrir e valorizar o noso patrimonio natural a través da súa interpretación e coñecemento promovendo así como cambio actitudinais fronte a súa conservación, aquilo que moitas veces se dí  é necesario coñecer para conservar”. 

A edil nacionalista subliña que “con esta acción o Concello tamén busca ofrecer novas experiencias que permitan diversificar a oferta turística así como diversificar no espazo e no tempo o fluxo de visitantes que chega á praia das Catedrais”. 

As xeorutas ofrecerán dous itinerarios, un que se desenvolverá na praia das Catedrais e outro en Rinlo. A denominada Ruta dos Arcos será a que se desenvolverá no areal das Catedrais, en marea baixa, “e que nos permitirá coñecer e primeira man a orixe dos seus famosos arcos rochosos”. E a Ruta dos Ollos, que discorrerá por Rinlo, “e que nos permitirá coñecer que son os ollos, como se formaron e e que utilidade tiveron”. 

Ana Martínez engadiu que “nas Catedrais faranse catro saídas ao día coincidindo coa baixamar, de martes a domingo e en grupos dun máximo de 15 persoas. Estes horarios manteranse ata o 17 de setembro, pois a partir desa data a Xeoruta só se realizará nas fins de semana, os venres, sábados e domingos en horario de tarde. En Rinlo, a ruta farase tódolos martes, xoves e sábados, en horario de tarde e en grupos dun máximo de 20 persoas. A partir do 17 de setembro a xeoruta terá lugar só os sábados e domingos”. 

Aquelas persoas interesadas en gozar das Xeorutas do Concello de Ribadeo poden atopar máis información para realizar as reservas nas webs www.ascatedrais.gal e www.turismo.ribadeo.gal así coma na dirección  ribadeoxeorutas@gmail.com