Comezou en Cervo unha nova edición do obradoiro de teatro infantil que organiza o Concello. Impartirase todos os venres ata xuño.

A Casa da Cultura acolleu a presentación dunha nova edición do obradoiro de teatro infantil que vén organizando o Concello de Cervo, ano tras ano. Nesta ocasión, o Grupo municipal de Teatro PimPim, estará conformado por uns 40 pequenos, de entre 6 e 13 anos.

No acto, no que participaron a maioría dos nenos, tamén quixo estar presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que recorda que o obradoiro, un ano máis, será impartido pola edil delegada de Educación e Cultura, Dolores García, o que “é un mostra máis da implicación total dos membros deste Goberno, que adican moitísimas horas do seu tempo a organizar, preparar e incluso a impartir actividades coma esta que xa conta cunha importante traxectoria na axenda cultural-educativa do Concello”. 

O curso, que comezou este venres, prolongarase ata o mes de xuño, cando os nenos representarán as obras de creación propia que irán ensaiando, semana a semana.

Trátase dunha iniciativa que está a ter moito éxito ano tras ano. Unha actividade para os máis pequenos do Concello, coa que se pretende que as tardes dos venres sexan lúdicas e didácticas á vez; que os nenos pasen un anaco divertido, ao tempo que van adquirindo habilidades de comunicación e, a través dos xogos, semana a semana, tamén van perdendo ese medo escénico, presente inicialmente en moitos casos.

O obradoiro, dunha hora de duración, impartirase cada tarde de venres na Casa da Cultura, en dúas quendas: unha ás 16:00 horas e outra ás 19:30 horas.