A Concellaría de Cultura de Ribadeo ofrecerá estabilidade á danza na programación do último cuatrimestre do ano. A primeira actuación será o 20 de setembro.

A Concellaría de Cultura ofrecerá estabilidade á danza na programación do último cuatrimestre do ano. A primeira actuación, prevista para xuño, trasládase ao 20 de setembro. 

A edil Pilar Otero contou que “hoxe, 29 de abril, celébrase o Día Internacional da Danza. Na Concellaría de Cultura temos previsto ofrecer a partir de agora unha mínima estabilidade deste xénero na nosa programación.  Para isto,  na medida en que a evolución da pandemia o permita, na oferta cultural do período comprendido entre os meses de setembro e decembro xa hai previstas dúas funcións de danza”.

A concelleira de Cultura explicou que “a primeira delas rescátase do deseño cultural deste mes de xuño e trasládase ao 20 de setembro ás 17:30 horas, o habitual nas propostas para os máis pequenos da casa. O título é Blowing, da compañía catalá MúcabDans, unha proposta visual, poética e innovadora, onde a danza, a música en directo e a tecnoloxía convidarán aos nenos e nenas a voar por un mundo fantástico, máxico e absurdo. Esta peza forma parte da adhesión do Concello ao programa Platea, do Ministerio de Cultura, unha colaboración que antes de que remate o ano traerá tres espectáculos máis á nosa vila”.

Otero Cabarcos engadiu que “este interese da Concellaría de Cultura en ofrecerlle estabilidade á danza no deseño das programacións vén motivado tamén por ser esta unha disciplina que se imparte desde 2004 na Escola Municipal de Música e Danza, que conta con 125 alumnas e alumnos matriculados”.

A edil ribadense dixo que “tamén antes de que remate o ano teremos unha segunda proposta de danza para todos os públicos, escollida do catálogo de compañías galegas da Agadic, baixo o criterio da área de danza da EMMeD. Probablemente 2021 será o ano de levar a danza tamén ao alumnado dos centros de ensino, coa idea de democratizar o gusto polo xénero máis alá de que haxa ou non un interese previo”.