A Concellaría de Cultura e Consumo de Ribadeo organiza proxeccións e charlas arredor do urbanismo e do maltrato á paisaxe. Serán os días 24 e 31 de xaneiro.

A Concellaría de Cultura e Consumo organiza uns actos arredor do urbanismo e o maltrato da paisaxe que se desenvolverán os días 24 e 31 de xaneiro. Hoxe foron presentados pola edil Pilar Otero Cabarcos. 

A concelleira ribadense explicou que “o eixo central serán as proxeccións do documental Estruturas, de Paco Gallego e Xosé Bocixa, gravado en 2018 e onde se escoitará o parecer de diferentes persoas estudosas do tema como a do decano do Colexio de Arquitectos de Galiza, Antonio Maroño, arquitectos como Carlos Coto ou Fermín Blanco, arquitectas como Elvira Carregado e Carmen Vázquez, o director da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), Fernando Agrasar -tamén arquitecto-, do sociólogo urbanista Manuel G. Docampo ou da xeógrafa Rocío Romar, colaboradora do proxecto educativo Proxectoterra, que leva os valores da paisaxe e da arquitectura ás aulas de ensino do país”.

Pilar Otero dixo: “elixiuse o 24 de xaneiro, Día da Educación, para achegar esta problemática ao alumnado dos cursos superiores dos centros de ensino de Ribadeo. Así, pola mañá, ás 12:00 horas, no Teatro de Ribadeo será a primeira das proxeccións para rapazas e rapaces. Os case 80 minutos de visionado estarán completados cun pequeno coloquio cos responsábeis da película”.

A edil de Cultura e Consumo sinalou que “o pase para o público xeral, que terá un custo de entrada de 3 euros, será ese mesmo venres ás 20:30 horas tamén no Teatro. Están convidados persoas de ámbitos profesionais vinculados ao tema e que desenvolven o seu labor profesional en Ribadeo: arquitectos/as, enxeñeiros/as técnicos/as , enxeñeiros/as agrícolas, aparelladores/as, etc”.

Otero Cabarcos engadiu que “esta interesante proposta ten o seu colofón na charla que, tendo como escusa o documental, impartirá Carlos Henrique Martínez Coto, presidente de Apatrigal e creador da coñecida conta de facebook Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe. A charla e o coloquio posterior terán lugar no salón de actos IES de Ribadeo Dionisio Gamallo o 31 de xaneiro ás 12:30 horas”.