A Concellería de Cultura de Burela programa para setembro diversas actuacións para o público infantil. O día 19 volve a actividade ao Auditorio Municipal.

A Concellería de Cultura presentou a súa programación para este mes de setembro no que se reanudará a actividade no Auditorio Municipal, a partires do vindeiro día 19. José Díaz subliñou que “se tomarán todas as medidas hixiénicas recomendadas polas autoridades sanitarias en prevención do Covid”.

O programa cultural dará comezo este mércores, 2 de setembro, coa actuación de Circo Chosco, que foi aprazada a pasada semana por causas metereolóxicas. O espectáculo, titulado Riscando o ceo terá lugar na Praza do Concello ás 20:30 horas.

O venres 11 haberá outra representación a cargo de Mere Clown con Aparvaolimpiadas. Celebrarase na Praza da Mariña, ás 20:30 horas, e inclúese na programación de Agadic-Rede de Teatros e Auditorios.

O sábado 19 retomarase a actividade no Auditorio Municipal coa actuación de Mircromina Teatro de Títeres que presentará Obradoiro de cartón. Será ás 11:00 horas.

O espectáculo está dirixido a nenos e nenas maiores de 5 anos e encádrase no programa Ler conta moito.

O domingo 20 haberá cine infantil, tamén no Auditorio, con entrada de balde.

A programación do mes de setembro rematará o sábado 26, coa representación de Trémola Teatro con Que animaliño é?. Será ás 18:00 horas e enmárcase no programa Ler conta moito.