Conta atrás para a Subida á Pontenova, que se celebrará os días 2 e 3 de xullo, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A deputada Mónica Freire participou este mediodía na presentación da novena edición da Subida á Pontenova, que se disputará a vindeira fin de semana nas estradas do concello, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 7.000 euros á organización do evento, a cargo da Escudería APontenova.

A proba, que puntúa para o Campionato Galego de Montaña, conta con 4.8 quilómetros de percorrido pola estrada LU-P-4803,  que sae desde a zona do Camiño da Feira da Pontenova cara a Augaxosa (Riotorto). O trazado pasa polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos especialmente atractivos como o paso polas curvas das Cruces e da Picota e por Vilar das Pedras. A organización ofrece servizo de transporte para facilitar a afeccionados e afeccionadas o desprazamento polo percorrido.

A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, no que se concentrarán os vehículos a partir das 9.30 horas do sábado para realizar as verificacións técnicas e administrativas previas á carreira, que se disputará en catro mangas cronometradas. Dúas na tarde do sábado - a partir das 17.30 - e outros dúas o domingo pola mañá– a partir das 11.30 horas-.

Mónica Freire saudou “a volta desta proba tras os dous anos de parón pola pandemia” e destacou “a repercusión deportiva do evento, que contribuíu a consolidar a Escudería APontenova como un referente do motor na comarca, e tamén económica, xa que este tipo de probas xeneran unha gran actividade na hostelería”.

Á espera de que conclúa o prazo de inscrición -ás 21.00 horas de hoxe-, a proba conta cunha trintena de pilotos anotados, entre eles tres da escudería local. Por primeira vez nesta edición, a proba retransmitirase en directo a través das redes sociais da Escudería APontenova.

A Subida á Pontenova é a segunda gran proba automobilística que se celebra na comarca da Mariña co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo no que vai de ano, despois de que en maio se disputase o Rally da Mariña.

A área de Deportes tamén é o principal soporte económico para a organización da Subida a Chantada, que se disputará en xullo, e para o Rally San Froilán. Ademais, cada ano convoca unha liña de axudas a pilotos de rally e colabora na organización do Volante Deputación, un programa deportivo e formativo que ofrece a pilotos noveis a posibilidade de iniciarse na competición.