Da explanada do porto partirá o Día da Bici en Foz, que terá lugar o 19 de setembro pola mañá.

Este domingo, 19 de setembro, celebrarase en Foz o Día da Bici. Está organizado polo Concello, a través da Delegación de Xuventude e Deportes, que explica: “a pesar da situación epidemiolóxica queremos volver gozar dunha xornada familiar na que pais e nais pasean en bici cos nenos e nenas. Non poderemos realizar algunhas actividades clásicas deste día, pero adaptámonos ás circunstancias actuais”.
 
A inscrición previa é obrigatoria e pode realizarse mediante o correo electrónico: bici@concellodefoz.es ou a través dos perfís do Concello nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Tan só deben remitirse os seguintes datos ata o 18 de setembro: nome e apelidos, data de nacemento e teléfono.

A saída será ás 11:30h desde a explanada do porto, a onde volverán os participantes despois de dar un paseo pola zona das praias. Será obrigatorio o uso de máscara e do casco e sortearase unha bici.

A concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez, agradece a colaboración de Policía Local, Protección Civil, Club Ciclista e Motos Baltasar.