De abril a setembro terá lugar a Liga Provincial de Piragüismo, que se desenvolverá en Lugo, Ribadeo, Cervo, Viveiro e Foz.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García, e o Presidente do Club Cidade de Lugo, Martín Carballo Méndez, presentou a VII Liga Provincial de Piragüismo, que terá lugar entre os meses de abril e setembro, nos Concellos de Lugo, Ribadeo, Cervo, Viveiro e Foz.

O organismo provincial apoia a celebración deste evento deportivo cunha achega económica de 20.000 euros para promover o deporte base, ademais de desestacionalizar o turismo e incentivar a economía nos diferentes municipios nos que terán lugar as seis probas das que consta a competición, organizadas polos seis clubes que participan nela, é dicir: Club Fluvial, Club Cidade de Lugo, Club Piragüismo Altruan, Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Viveiro, Club Kayak de Foz.

Rivera Capón subliñou que “a Liga Provincial de Piragüismo é un dos principais eventos deportivos do ano. Non en vano, cada proba logra reunir de media a uns 250 participantes, non baixando nunca dos 180 palistas, aos que hai que sumar familiares e espectadores, o que da boa conta da relevancia desta competición para a nosa provincia”. O responsable de Deportes lembrou que “o compromiso da Deputación con este deporte é firme, posto que coñecemos a relevancia e a traxectoria do piragüismo lucense. Por iso, ao longo do ano apoiamos a celebración de campionatos e probas como a Liga Provincial ou a Travesía de Foz”.

Categorías e calendario de regatas
As embarcacións de todas as probas son individuais, tanto K1 coma C1, e participan as categorías veterano, sénior, xuvenil, cadete, infantil A, infantil B, alevín A, alevín B, e benxamín, tanto masculinas como femininas.

As probas teñen lugar sobre un percorrido de 5.000metrospara as categorías de veteranos, sénior, xuvenil, cadete con un tempo de control de 5minutos, de 3.000metros para categorías infantil A e infantil B con un tempo de control de 5minutos, e 1.500metros para alevín A e alevín Bcon un tempo de control de 5minutos, e benxamíncon un tempo de control de 9 minutos.

O calendario de regatas é o seguinte:
30 de abril - 1ª Regata Provincial Club Fluvial (Lugo)
7 de maio - 2ª Regata Provincial Club Cidade de Lugo (Lugo)
11 de xuño - 3ª Regata Provincial Club Piragüismo Altruan(Ribadeo)
5 de agosto - 4ª Regata Provincial Club Deportivo San Ciprián(San Ciprián)
20 de agosto - 5ª Regata Provincial Club Piragüismo Viveiro(Viveiro)
10 de setembro - 6ª Regata Provincial  Club Kayak de Foz (Foz).

    Apoio ao piragüismo    
O organismo provincial realiza unha achega anual de 200.000 euros aos diferentes clubs lucenses para os gastos da tempada. A estas axudas concedidas ao Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan e Club Montaña Quixós, súmase a subvención de 100.000 euros para a construción dun novo hangar de piraguas en Foz, así como aos 85.000 euros que o Executivo Provincial comprometeu a estas entidades para ao 2017.

Este último orzamento é para que sexan os propios clubs os que directamente xestionen a escola de piragüismo de titularidade provincial, para contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como para a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos.