A Deputación potencia o turismo termal na provincia de Lugo ofrecendo descontos á veciñanza de máis de 50 anos e aos seus acompañantes.

A institución provincial abrirá a finais do mes de novembro o prazo para anotarse nunha nova edición do programa Lugo Termal, co que ofrece descontos ós veciños da provincia de máis de 50 anos e ós seus acompañantes nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei

Galicia é a segunda maior rexión termal de toda Europa e a provincia de Lugo conta desde a época romana cunha longa tradición neste ámbito pola calidade das súas augas mineiromedicinais. O amplo patrimonio termal da provincia constitúe un gran potencial para a captación de máis turismo e, desta forma, impulsar a economía. Os balnearios desenvolven un papel de dinamización socioeconómica no rural contribuíndo a fixar poboación e favorecendo o emprego, principalmente feminino, segundo destaca a Asociación de Balnearios de Galicia. 

O turismo termal favorece a chegada de turistas durante todo o ano porque é unha alternativa idónea en días con meteoroloxía adversa. Esta alternativa turística que combina ocio, saúde e benestar é un motor económico que promove a Deputación de Lugoa través do programa Lugo Termal, dirixido aos veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos, aos que lles ofrece descontos, xunto cos seus acompañantes, en tratamentos termais que melloran a súa calidade de vida e promoven o envellecemento activo.

A institución provincial ten en marcha o procedemento administrativo para desenvolver entre este ano e o vindeiro unha nova edición do Lugo Termal, que terá máis de 1.000 prazas. A previsión é que o prazo para que as persoas interesadas poidan presentar solicitude para beneficiarse deste programa se abra a finais deste mes de novembro.

Termas de Lugo, Augas Santas en Pantón e Río Pambre en Palas de Rei son os tres balnearios da provincia que participan nesta iniciativa, que inclúe dúas modalidades: unha con estancia e pernocta e outra de asistencia diúrna a tratamentos. 

Na modalidade con estancia, os paquetes con descontos económicos consisten en 6 días e 5 noites, pensión completa, 1 recoñecemento médico, de 15 a 20 técnicas termais e actividades socioculturais. A modalidade de tratamentos sen pernocta inclúe de 30 a 40 técnicas termais durante 10 días (tres ao día) e un recoñecemento médico.

Con este programa de termalismo, a Deputacióncontribúe á promoción da autonomía persoal e ao envellecemento activo dos maiores, así como á prevención e detección precoz da dependencia para que poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, e, ao mesmo tempo, dinamiza a economía a través do turismo de proximidade. Un obxectivo que tamén promove a institución provincial con outras moitas medidas, como a participación na 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, celebrada o pasado mes de setembro coa participación de touroperadores especializados de máis de 30 países.  Representantes da Deputación que acudiron a esta feira presentaron a oferta termal da provincia e estableceron contactos con profesionais especializados para promocionar  á provincia de Lugo como destino de turismo termal.