Deron comezo as xornadas de formación en Xeoturismo organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña. Seguirán os días 21, 27 e 28 de febreiro

Hoxe deron comezo as xornadas de formación en Xeoturismo para guías e empresas de turismo activo. Son 21 os profesionais inscritos tanto desta comarca como do resto de Galicia e de Asturias, que asisten a esta cita que se desenvolven no salón de conferencias de Burela. Trátase de perfís variados coma guías e informadores de turismo, guías de natureza, montaña e empresas de turismo activo, principalmente.

As xornadas están programadas para o 20, 21, 27 e 28 de febreiro en horario de 10 a 14 horas polas mañás e de 15 a 19 horas polas tardes. Deste xeito continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade - co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña explican que “os contidos que se abordan son de interese para comprender os procesos xeolóxicos e as principais manifestacións xeolóxicas que atopamos na Mariña, para así poder ser quen de interpretalas e dalas a coñecer aos visitantes dun xeito sinxelo, ameno e entretido. Os asistentes achegaranse á unha introdución ao turismo xeolóxico, ao perfil deste tipo de turista, ao patrimonio xeolóxico da Mariña, á comercialización de produto xeoturístico ou á interpretación da paisaxe xeolóxica, entre outras. Haberá unha parte teórica e outra práctica”. 

O equipo docente está formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; Iván Rodríguez, doutor en Xeoloxía e guía de xeoturismo; Isabel Rodríguez, docente en interpretación do patrimonio; e Cristina Collazo, de Volta Proxectos, empresa adxudicataria do contrato e docente en marketing turístico. 

A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, déronlles esta mañá a benvida aos participantes nestas xornadas de formación en xeoturismo da Mancomunidade.