Dezaséis equipos participarán no X Torneo Infantil de Fútbol Concello de Ribadeo, que terá lugar os días 3 e 4 de xuño.

A vindeira fin de semana, os días 3 e 4 de xuño, celébrase en Ribadeo o X Torneo Infantil de Fútbol Concello de Ribadeo e I Memorial Paco da Canela, que organiza a SD Ribadeo. Neste evento deportivo participarán 16 equipos que traerán a Ribadeo arredor de 1.000 persoas entre xogadores, adestradores e acompañantes.

O concelleiro de Deportes, David Rivas, salientou que “van vir a Ribadeo unha cantidade inmensa de nen@s e de familias acompañantes que van supoñer un punto moi importante na dinamización da vida da vila. Quero sobre todo agradecer á SD Ribadeo o esforzo que ano tras ano fai para organizar estes torneos porque si que é verdade que nestes últimos tempos, coa lei nova do deporte, se está poñendo todo moi costa arriba para organizar calquera evento deportivo e eles conseguen facelo”. 

O edil ribadense dixo:  “teño o convencemento de que o torneo vai saír perfecto porque son xente que se implica ata límites insospeitados. Sobre todo tamén quero destacar os valores que lles están transmitindo aos xogadores dos seus equipos. Son uns valores que hai xa tempo que non se vían, que non se lles daba a importancia que teñen”.

Rivas engadiu: “salientar moi en concreto este primeiro torneo que fan de homenaxe a Paco da Canela, que era unha figura moi querida dentro do fútbol de toda a comarca, e que merece ter un torneo dedicado na súa memoria. Desexo que saia todo a pedir de boca e destacar a importante labor da SD Ribadeo, xa non soamente na organización destes torneos senón que durante toda a tempada son quen de ter 208 xogadores, que é máis dunha cuarta parte de todos os nenos e nenas que forman parte dalgunha escola deportiva do Concello. Iso baixo o meu punto de vista ten un mérito enorme”.

Pola súa banda Miguel Peña da SD Ribadeo explicou que “empezaremos o sábado co horario das 10:45 horas e remataremos ás oito da tarde debido a que moitos equipos nos pediron acabar un pouco cedo ese día pola final da Champions League. Neste torneo infantil participan equipos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León. E tamén é internacional posto que veñen os veciños de Portugal. Contamos cun torneo importante de 16 equipos en fútbol 11 infantil, e debido a ese horario do sábado temos que desprazar algún partido a Barres porque os horarios e o terreo de xogo non daban para máis”.

Peña contou que “o domingo celebraranse as fases de cuartos de final, semifinais e final, que terá lugar ás sete e media da tarde. Polo medio haberá xogos e concursos cos nenos para facelo máis distendido e fomentar o deporte base. Queremos premiar máis o xogo que a competitividade”.

O representante da SD Ribadeo manifestou que “intentaremos que este torneo salga moi ben no aspecto disciplinario e no emotivo. Queremos facer fincapé debido a que é un memorial polo director técnico que faleceu recentemente, o 3 de xaneiro. Queremos agradecer ao Concello de Ribadeo especialmente, a todas as asociacións, á hostalería, a Acisa e a todo o mundo en xeral no pobo que nos apoia moito e queremos que salga ben por eles tamén. Ao final é unha forma de fomentar ao pobo e o pobo nos está axudando a nosoutros”.

Miguel Peña fai fincapé en que “a participación é de clubs moi importantes, desde o Celta de Vigo, Ural, Oviedo Vetusta, Astur, Amistadsniace de Santander, Victoria de A Coruña, que é campión nas últimas dúas edicións, e Mariñas de Portugal. O nivel é moi alto a nivel infantil, pero queremos salientar que é deporte base, por encima da competitividade que todo o mundo quere gañar, queremos que haxa moi bo ambiente, incluso haberá premios para a mellor afección. Tamén teremos unha recollida de roupa para Cáritas. Queremos fomentar que dentro do deporte hai moito máis que ganar. Son rapaces pequenos de 12 e 13 anos que convivirán xuntos, incluso varios equipos comerán e durmirán xuntos. Fomentar un pouco máis o resto que o deporte competitivo en si. Esperamos de verdade que salga todo moi ben”. Neste X Torneo Infantil de Fútbol Concello de Ribadeo haberá actividades para as rapaces e sorteos de diferentes agasallos.