Do 1 ao 3 de xullo chegan as Antevésperas do Ribadeo Indiano 2022 cun coloquio e coas actuacións de Jamila Purofilin e Boroa.

O Ribadeo Indiano,que organizan o Concello e Acisa, está ás portas e xa están aquí as Antevésperas cun coloquio e con actuacións musicais para a vindeira fin de semana. 

As Antevésperas arrincan o 1 de xullo cun Coloquio Literario que terá lugar na Casa do Viejo Pancho ás 20:30 horas. Alí o escritor Xesús Fraga falará de Virtudes (e misterios). O acto será presentado pola concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos. 

A música será protagonista tamén nas Antevésperas. O auditorio municipal acollerá a actuación de Jamila Purofilin o sábado, 2 de xullo, ás 21 horas. O espectáculo denomínase La cubana en Nueva York, 25 años de Purofilin. A entrada é de balde. 

E o domingo, 3 de xullo, ás 21 horas no Quiosco da Música do Campo de San Francisco terá lugar o concerto de Boroa, que se trasladará ao Teatro en caso de choiva. 

Desde as Concellarías de Turismo e Cultura animan “a ribadenses e visitantes a gozar das Antevésperas do Ribadeo Indiano 2022 e así ir preparándose para o grande evento que se celebrará do 8 ao 10 de xullo. Temos listo un amplo programa de actividades con charlas, xogos, Mercado de Ultramar, moita música, etc… que culminará o domingo co concerto da artista mexicana Lila Downs na rúa San Roque e co sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas”.