Do 11 ao 14 de xullo celébrase en Viveiro o XII Mercado Renacentista. O sábado será o xantar no que participarán arredor de 2.000 persoas.

A XII edición do Mercado Renacentista de Viveiro celébrase dende este xoves 11 de xullo ata o domingo 14.

A apertura do mercado será ás 11:00 horas. Hoxe ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz terá lugar o concerto que ofrecerá Lucus Ensemble, titulado O son do tempo.

Haberá visitas teatralizadas nas que Juan Ares realiza o percorrido contextualizando  o patrimonio e os feitos históricos da vila nos tempos de Carlos V. O venres terá lugar ao remate do acto de benvida, e o sábado e domingo ás 11:00 horas.

Ademais o venres haberá xogos tradicionais nas inmediacións dos Castelos, entre as 18:00 e as 20:00 horas. A partir das 21:00 h., terá lugar o gran desembarco coa representación da chegada de Carlos I de España e V de Alemaña á praia de Covas. Posteriormente haberá unha exhibición de xustas e celebrarase o desfile ata Viveiro.

O sábado terá lugar a tradicional comida na que os viveirenses xuntaranse para xantar nas rúas da zona monumental. O Concello ofreceu sobre 500 sillas e taboleiros para as mesas, e calcúlase que nesa comida poden participar arredor de 2.000 persoas.

Na xornada do domingo continuarán as actividades musicais, pasarrúas e diferentes actuacións e representacións teatralizadas incluídas no amplo programa deste ano.