Do 11 ao 26 de agosto poderá visitarse no Forte de San Damián, en Ribadeo, a décimo primeira edición de Mariñarte.

Ribadeo acollerá este venres, 10 de agosto, o concerto que ofrecerán A Gramola e Calabash. Será no Cine Teatro ás 20:30 horas. E o sábado inaugúrase no Forte de San Damián unha nova edición de Mariñarte na que as protagonistas serán as Conversas entre Cristina Basanta e Lucía Vila.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que “o verán vi avanzando e con el se van desenvolvendo as distintas actividades que organizamos ou axudamos a organizar desde a Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo. Aínda quedan un par de días para poder visitar a exposición de Cris Andina no Forte de San Damián”.

O edil nacionalista salientou que “este venres poderemos escoitar a A Gramola e Calabash, que reaparecen nun concerto conxunto. Será ás oito e media da tarde no Teatro de Ribadeo e a entrada será gratuíta. Vai haber en torno a 45 ou 50 músicos actuando a un tempo, ben sexa por unha parte A Gramola con boleros, cha-cha-chás, mambos e sambas, ou por outra parte Calabash cun repertorio de rock and roll, mambos, batukadas, principalmente ritmos latinos, pero uns e outros xogarán co seu bo facer na música e deleitarannos cunha velada inesquecible”.

Graña engadiu que “o sábado vaise inaugurar unha nova exposición no Forte de San Damián. É a tradicional mostra Mariñarte que organizamos todos os veráns. Nesta ocasión teremos unhas conversas moi singulares entre Cris Basanta, de Viveiro, e Lucía Vila, de Barreiros. A exposición será do 11 ao 26 de agosto. Este sábado 11 ao carón do atardecer, sobre ás sete da tarde, será inaugurada a exposición. Non hai mellor exposición que a paisaxe e non hai mellor maneira de disfrutar da paisaxe que vendo como se converte en arte da man dos nosos artistas. Un paseo ata o faro de Illa Pancha e unha visita necesaria ao Forte de San Damián”.