Do 27 de xaneiro ao 17 de febreiro poderase visitar no Cenima, en Foz, a exposición "Galicia conservando a natureza". Organiza: Concellaría de Medio Ambiente.

A Concellería de Medio Ambiente de Foz continúa no ano 2020 promocionando o medio natural. Segundo explican desde ese departamento “co gallo do día dos humedais o vindeiro 2 de febreiro e sendo o noso Concello parte da Rede Natura 2000, cremos de interese para toda a veciñanza e visitantes esta exposición. A natureza galega é un mosaico de paisaxes de costa e montaña, densas fragas e chairas extensas, rías onde conflúen os ríos e o mar, queirugais, matos e lagoas. Acóllese así unha importante diversidade de especies animais e vexetais”.

A exposición “Galicia conservando a natureza” presenta ao gran público a diversidade e singularidade dos espazos naturais protexidos, permite concienciar á poboación sobre a importancia da conservación do medio natural e o seu propio papel na preservación da natureza e das súas especies.

E engaden que “entre o 27 de xaneiro e o 17 de febreiro no CENIMA os visitantes poderanse sorprender coa cantidade e diversidade de espazos protexidos declarados en Galiza, entenderán o significado das figuras de protección e o que conlevan, e desenvolverán actitudes de responsabilidade fronte a conservación ambiental”.