Do 4 ao 11 de decembro terá lugar en Ribadeo o VII Festival de Jazz & Blues. O evento foi presentado no Concello.

Do 4 ao 11 de decembro terá lugar en Ribadeo o VII Festival de Jazz & Blues. Polo escenario do Auditorio Municipal pasarán Marlango, Austin Slack e Alfredo García Quintet. O evento foi presentado no Concello de Ribadeo. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: “é un pracer para nós poder anunciar unha nova edición do Festival de Jazz & Blues de Ribadeo. Nestes tempos tan inseguros por causa da pandemia volvemos dicir que o da cultura é un ámbito que se revelou seguro, pois desde o principio se cumpriron estritamente as medidas vixentes. Asistir a actos culturais foi e segue a ser unha maneira de volver ter normalidade, de seguir socializando con amigos e veciñanza e tamén de contribuír a que o sector económico que xira arredor dos espectáculos poida manter os postos de traballo”.

A edil ribadense manifestou: “como xa se fixo público o cartel deste ano puidestes comprobar todo o público que é diverso mais mantén a calidade que se busca sempre cando facemos o deseño cultural dos trimestres. Son tres os concertos que van ter lugar no noso auditorio municipal ás 20.00 horas. Como vén sendo habitual nos eventos nos que se prevé unha asistencia importante de público, como por exemplo ocorreu o sábado pasado coa obra de teatro Juntos, na que actuaba a recoñecida actriz Kiti Mánver, hai a posibilidade de mercar a entrada de xeito anticipado na plataforma   www.gameoverpro.es  ou  facelo na propia billeteira o mesmo día dos concertos desde as 19.00 horas”.

Otero Cabarcos explicou que “comezamos este sábado, 4 de decembro, con Marlango. O proxecto Marlango xorde a finais do ano 98 en Madrid con Leonor Watling, letrista e vocalista, e Alejandro Pelayo, pianista e compositor. Desde o seu primeiro disco, que leva o nome do grupo, apareceron outros como The Electrical Morning ou El Porvenir. En 2018 publican Technicolor, co que inician unha xira intermitente de presentación en teatros e salas españolas e por México que a pandemia obrigou a interromper. O mércores 8 visítanos Austin Slack, que é un músico mozo, británico, que con só 21 anos tocou xa en máis de 1.400 concertos. Compositor, produtor e cantante, a súa carreira musical comezou coa guitarra e colaborou con músicos e bandas como Maná ou Love of Lesbian. As súas influencias son John Mayer ou Prince, artista este co que, xunto con Eric Clalpton Wham, ten sido comparado. E finalmente o sábado 11 de decembro teremos o concerto de Alfredo García Quintet. Blue Line é o título do seu segundo proxecto, con Alfredo García como líder da formación. A súa música está enraizada no jazz e aproveita o mellor de estilos como o funk, o rock e a world music. Deixar atrás unha etapa previa de cuarteto e pasar a quinteto é un paso máis nun jazz que se abre a novos formatos. O grupo está formado por: Alfredo García (guitarra e composición), Bruno Couceiro (batería), Iago Mouriño (piano), José García (saxo) e Pablo Sanmamed (contrabaixo)”.

A concelleira de Cultura engadiu: “queremos agradecer a todas as entidades e organismos implicados en maior ou menor medida a súa colaboración, tamén á Xunta de Galicia, a través do seu programa Xacobeo 2021-22. Desde a Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo agardamos que o programa do festival sexa do voso gusto e que vos acheguedes nesta ponte de decembro ao noso auditorio”.

O acto de presentación do VII Festival de Jazz & Blues de Ribadeo tivo lugar no salón de plenos do Concello este mediodía. Ao mesmo acudiron o tenente de alcalde, Pablo Vizoso, a xefa territorial de Cultura da Xunta, Mª José Gómez, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e Rafael Monteavaro como representante da organización.