Do 6 ao 8 de decembro terá lugar a Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova. No evento poderase ver a colección de instrumentos medievais do Centrad.

A feira pontenovesa, que reunirá máis de 60 expositores do 6 ao 8 de decembro, inaugura así un proxecto co que se quere visibilizar o traballo realizado nos últimos anos no Obradoiro de Instrumentos Musicais do Centrad para construír réplicas dos instrumentos das esculturas ciceladas nos pórticos de igrexas como as de San Xoán de Portomarín e Santo Estevo de Ribas de Sil.

O Deputado de Artesanía explicou que “presentamos por primeira vez fora do Centrad  O Son do Tempo, da Pedra a Madeira, unha mostra de instrumentos musicais reconstruídos a partir dun estudo minucioso das esculturas en pedra que se conservan nos numerosos monumentos históricos  da nosa provincia”.

A exposición que comezará así un percorrido por concellos de toda a Provincia. A colección é resultado dun traballo de investigación e formación que se ven realizando no Centrad desde hai décadas, coa implicación de artesáns, organólogos,  historiadores da arte e músicos. Trátase dunha das coleccións máis importantes  de instrumentos de corda dos séculos XII e XIII, cunha Giga, Rota, Cítola,Viola de perna, Viola de brazo, Zanfona e Organistro, entre outros.

“Trátase dun patrimonio moi valioso que se comparte con músicos e compositores a través dun servizo de préstamos temporal e que pode ser desfrutado por todos na exposición O SON DO TEMPO, DA PEDRA A MADEIRA no propio Centrad, pero que queremos achegar tamén as comarcas con iniciativas coma esta” destacou Efrén Castro.

O anuncio desta nova exposición tivo lugar no acto de presentación da XIII Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova que contou coa participación do Deputado de Deportes e Artesanía, Efrén Castro, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera e o Alcalde da Pontenova, Darío Campos.

A Feira, que se celebrará do 6 ao 8 de decembro, contará con 60 expositores de antigüidades e artesanía, chegados de diferentes puntos do Estado, de Portugal e de Francia, ademais de outras actividades como a IV Xuntanza de Motos e Coches Clásicos e demostracións ao vivo de diferentes oficios tradicionais: cestaría, zoqueiro, tear triangular, torno de madeira, forxa de ferro ou coiro.