Do 9 ao 16 de maio estará aberta a inscrición para participar na viaxe ao Talaso de Xixón, que organizan a Concellaría de Igualdade e o CIM de Ribadeo. Será o 20 deste mes.

A Concellaría de Igualdade organiza unha viaxe ao Talaso de Xixón, o 20 de maio. A actividade, enmarcada no programa O teu tempo é para ti, está dirixida exclusivamente a mulleres adultas. A inscrición estará aberta do 9 ao 16 de maio. 

Desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo explican que “un ano máis, como ven sendo habitual, poñemos en marcha o programa O teu tempo é para ti, coa oferta dunha viaxe ao Talaso de Xixón, dirixida exclusivamente a mulleres adultas”. 

E subliñan: “as viaxes constitúen un balón de oxíxeno para as persoas que están inmersas nunha voráxine de traballo e estrés; son unha válvula de escape que racha coa rutina diaria. Un viaxe turístico, de calquera tipo, neste caso a un balneario-talaso, coas súas novidades e sorpresas, pode producir efectos psicolóxicos insospeitados ou un cambio persoal positivo. Viaxar/moverte significa tamén descubrir novas parcelas dunha mesma”. 

Na Concellaría de Igualdade sinalan que “por iso, organizamos ao longo do ano actividades de ocio exclusivamente dirixidas ás mulleres. Son medidas de intervención positiva para favorecer ese tempo propio na vida das mulleres. A talasoterapia é un método terapeútico natural e respectuoso co organismo humano, que consiste na utilización do medio mariño para relaxar corpo e mente”.

A viaxe terá lugar o 20 de maio pola tarde, saíndo ás 14.00 horas de Ribadeo e regresando arredor das 21.00 horas. As persoas que queiran participar nesta viaxe terán que sufragar a cota por utilización do Talaso, que ascende a 20 euros  e inscribirse previamente. O Concello de Ribadeo costea o autobús no que se desprazará a expedición. O prazo para inscribirse estará aberto do 9 ao 16 de maio. As mulleres interesadas poderán anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico: cim@ribadeo.org ou chamando ao teléfono 982 120 808.