Dobre cita teatral para o público familiar os días 14 e 15 de abril en Viveiro con Castelao e con Nina Ninette.

Cuturactiva Producións chega o 14 de abril con Castelao ao Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. Será a partir das 18:00 horas. 

Castelao é unha figura capital da historia das artes en Galicia e non contaba ata agora cunha proposta escénica para a infancia. Vimos a poñer remedio a isto cun gran equipo: un texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja e con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena. A obra presenta a un Castelao de 8 anos anos e na súa vila natal, divertido, feliz, alegre e aventureiro, buscando en todo momento a identificación da audiencia co protagonista da nosa trama. Culturactiva Producións propón unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que a inmediatez da partida garante. Queda pouco tempo, as horas antes de embarcar escorregan entre os dedos e a ausencia do neno da casa familiar faráse notoria para Xoaquina.

E Paula Quintas con Nina Ninette encherá de danza o Pastor Díaz o sábado, 15 de abril, tamén a partir das seis da tarde. 

Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso! Mais Nina sinte a falta do seu fogar e decide marchar. A cuestíon é que ese mundo é un labirinto e como todos os labirintos, é moi doado entrar pero ben complicado sair. Será quen de conseguilo?

Nina Ninette é un conto iniciático que se inspira na estética do Ballet Triádico celebrando o centenario da súa estrea, para danzar unha historia de beleza e rebeldía.

María Torres e Marta Alonso Tejada e Paula Quintas forman un equipo de creación para a peza iniciada a partir da estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer -Bauhaus- do 1921.