En agosto no Vicedo haberá música, exposición de cadros, concursos de figuras de area ou de fotografía, entre outras actividades.

A Casa da Cultura do Vicedo presentou recentemente a programación para este mes de agosto con diferentes actividades. Dende música ata deporte e pasando incluso por gastronomía.

Seguen os Mércores de natureza: serán o 16 de agosto coa xeoruta por Area Grande e Xilloi, o 23 de agosto cunha ruta nocturna entre as praias de San Román e a de Abrela e por último o 30 de agosto terá lugar unha subida do Río Sor en kayaks. Para máis información ou mesmo inscribirse, pódese contactar con 982-59-01-95 ou no correo electrónico omix@concellodovicedo.org.

O 11 de agosto ás 16.30 terá lugar o concurso de figuras de area na praia de Abrela. O 16 de agosto poderase gozar dunha degustación de produtos das rías galegas grazas á campaña de difusión dos mesmos. Será na praia de Xilloi en horario de 12 a 15 horas e de 18 a 21 horas.

Ademais haberá actividades musicais como por exemplo o Concerto Black: Voces de Muller o 17 de agosto ás 20.30 horas na terraza da Casa de Cultura ou un karaoke de verán o xoves 24 de agosto ás 22 horas. 

Por último, está previsto un concurso de fotografía turística o 18 de agosto e exposición “Vivir del Mar” con cadros de Lorenzo González durante todo o mes na Casa da Cultura.