En Burela terá lugar o 19 de agosto a 2ª Ruta en Kaiaks polo seu litoral, entre O Cantiño e O Perdouro.

A Concellería de Deportes e Turismo organiza a que será a 2ª Ruta en Kaiaks polo litoral burelés. Segundo explica Ramiro Fernández Rey será “este sábado, 19 de agosto, a partir das 11 da mañá, con saída desde a praia do Cantiño”.

O edil burelés sinala que “o percorrido vai por toda a zona xeolóxica do Perdouro e despois vólvese para O Cantiño. O prezo, ao igual que cando fixemos a primeira Ruta en Kaiaks o pasado mes de xullo, será de 10 euros. As persoas interesadas en participar poden anotarse o sábado na saída, antes das 11 da mañá, ou achegándose ás instalacións do Activity Center”.

Ramiro Fernández subliñou que “é unha ruta moi bonita e merece moito a pena. Animamos á xente a que se anote para gozar dunha mañá diferente descubrindo a riqueza paisaxística e xeolóxica de Burela”. 

A 2ª Ruta en Kaiaks polo litoral burelés está organizada polo Concello en colaboración coa empresa IG10.