Entregado o premio non presencial da XII Festa do Comercio de Acisa Ribadeo. O afortunado é un veciño de Tapia de Casariego.

Hoxe foi entregado o premio non presencial da XII Festa do Comercio de Acisa de Ribadeo. O afortunado con 250 euros en vales de compra é un veciño da localidade asturiana de Tapia de Casariego. Manuel Ángel Pérez López disporá de dous meses para poder gastar o seu premio nos locais asociados a Acisa. 

En total a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos repartiu 4.000 euros en vales de compra na XII Festa do Comercio, que se celebrou o pasado 14 de xaneiro nunha carpa instalada no parque de San Francisco, “unha cita que reuniu a milleiros de persoas despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia da covid”, explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez. 

Os premios repartidos entre catro afortunadas ribadenses foron: 1 de 2.000 euros, 1 de 1.500 euros, 1 de 500 euros e 1 de 250 euros, que foron entregados o día do sorteo. “Quedaba por aparecer o premio non presencial. Manuel Ángel Pérez púxose hai uns días en contacto con nós e hoxe recibiu o seu premio, 250 euros en vales de compra para consumir no comercio, na hostalería ou no sector servizos de Ribadeo”, engadiu Pérez Prada. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou: “na asociación estamos encantados de ter entregado todos os premios postos en xogo na XII Festa do Comercio. É unha pequena axuda para os negocios locais, aos que as afortunadas e o afortunado se dirixirán a realizar as súas compras ou a gozar da hostalería local”.

Cruzado Iglesias animou “á xente de Ribadeo e da contorna a seguir apoiando e apostando polo comercio local. Os pobos precisan negocios para ter vida propia e o noso pobo, afortunadamente, segue sendo un polo de atracción para as emprendedoras e os emprendedores”.  E engadiu: “con todas e todos eles agardamos contar en Acisa Ribadeo. Sempre é un bo momento para asociarse e pasar a formar parte da grande familia desta asociación e así beneficiarse de todas as campañas organizadas, dos convenios asinados e do asesoramento diario que lles ofrecemos ás empresas socias”.