A Escola Vella de Rinlo acolle un obradoiro sobre tango este domingo, 21 de xaneiro

A Escola Vella de Rinlo (Ribadeo) acollerá un obradoiro sobre a historia do tango este domingo, 21 de xaneiro, a partir das 18:00 horas. Correrá a cargo do bandoneonista Damián Foretic e está organizado pola asociación cultural A Tribu da Travesía coa colaboración do Concello de Ribadeo.

Os promotores desta actividade explican que “este obradoiro ofrece unha presentación das pauta básicas para escoitar, comprender e disfrutar o tango arxentino. Dirixido a músicos, estudantes de música, persoas afeccionadas e calquera que teña interese neste xénero. Durante este obradoiro, mediante audio exemplos, iremos destilando e diferenciando a sonoridade de cada orquestra e tamén os aspectos formais que compartían, para así lograr unha idea máis acabada dos compoñentes que conforman un tango tradicional. Durante todo o seu desenvolvemento, o tango tivo un movemento constante de ida e volta entre músicos e bailaríns. Os orquestradores estaban moi atentos ás tendencias e gustos das e dos bailaríns, e ao mesmo tempo quen bailaba gozaba coas diferenzas estilísticas de cada orquestra, e as interpretaban desde a danza. A diferenza do jazz e outros xéneros musicais, o tango desde o seu orixe estivo intimamente relacionado co baile. Por este motivo parécenos oportuno pechar o obradoiro cunha breve introdución ao tango danza, e así completar este panorama integral do xénero tango; abrindo ademais a invitación a practicar e gozar tocando e bailando despois do obradoiro”.