Espectáculos de música e teatro figuran na axenda cultural do Concello de Burela para o mes de outubro.

A Concellería de Cultura programa varias actuacións musicais e representacións de teatro para as fins de semana deste mes de outubro.

O vindeiro sábado, día 10, ofrecerá un concerto en Burela Roi Casal. O intérprete galego presentará o espectáculo titulado Son galego, son cubano. Trátase dun show con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous países. A actuación terá lugar no auditorio municipal, dará comezo ás 21:00 horas e a entrada será de balde.

O domingo, día 11, Luis Vallecillo presentará o musical Cantamos?. Será no auditorio municipal a partires das 18:30 horas, con entrada de balde e está dirixido ao público familiar.

O 17 de outubro a compañía Malasombra Teatro representará a obra Bernarda. Terá lugar no auditorio municipal ás 20:30 horas e o prezo da entrada é de 4 euros. Escrita e dirixida por José Prieto, está interpretada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja.

Esta programación rematará o 24 deste mes coa actuación de Ledicia Sola que presentará o monólogo Divina. Será no auditorio municipal ás 20:30 horas e o prezo da entrada é de 4 euros.

Os eventos desenvolveranse de xeito seguro: será necesario usar máscara e xel hidroalcohólico, ademais de manter as correspondentes distancias de seguridade, segundo marcan os protocolos covid-19. 

Colaboran na organización destas actividades: Xunta de Galicia, AGADIC, Rede Galega de Teatros e Auditorios e Xacobeo 2021.