Este sábado, 20 de abril, os pavillóns de Ribadeo serán escenario das finais provinciais de fútbol sala do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte

O vindeiro sábado, 20 de abril, os pavillóns de Ribadeo acollerán as finais provinciais de fútbol sala do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte. 

Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes, contou que “a xornada arrincará no pavillón grande (da Avenida de Luarca) ás 10 da mañá, onde se disputarán 4 semifinais. Para as 14:00 horas está previsto o xantar. E xa pola tarde a partir das 16:00 horas terán lugar as finais e o partido para decidir o 3º e o 4º posto. No pavillón pequeno (situado na rúa Alfredo Deaño) haberá varios partidos entre as dez da mañá e as catro da tarde”. 

O edil ribadense explicou que “a cerimonia de entrega de premios terá lugar ás 20:00 horas no pavillón da Avenida de Luarca. En total daranse cita en Ribadeo 160 xogadores de oito equipos procedentes de Guitiriz, Burela, Outeiro de Rei, Fonsagrada, Monforte, Foz, Guntín, Chantada e Ribadeo”. 

Este evento deportivo está organizado polo Concellería de Deportes e Mocidade de Ribadeo, polo Ribadeo FS e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. 

Na presentación participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e Patricia Muíños directiva do Ribadeo Fútbol Sala.