Este venres, 1 de maio, celebrarase a II Xornada de Atletismo Concello de Cervo

O Concello de Cervo acollerá este venres, día 1 de maio, en horario de mañá a II Xornada de Atletismo Concello de Cervo, organizada pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Concello de Cervo, que reunirá nas pistas da Veiga a máis de 200 atletas de diferentes categorías chegados de toda Galicia.

Na presentación oficial do evento participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o delegado da FGA en Lugo, Pablo Gandoi, quen puxeron en valor “a importancia desta competición para seguir impulsando o deporte base e consolidar o municipio como sede de referencia para probas atléticas”.

A rexedora destacou “a firme aposta do Concello de Cervo polo atletismo e polo deporte en xeral, apoiando eventos que dinamizan o municipio, fomentan hábitos saudables e atraen a numerosas persoas deportistas e acompañantes”. García Caramés puxo en valor a colaboración institucional entre a federación e o Concello e salientou “as excelentes condicións das instalacións deportivas municipais, que nos permiten acoller competicións oficiais do calendario galego”.

O Concello de Cervo explica tamén que “esta segunda xornada servirá ademais para que moitos atletas poidan buscar as súas mellores marcas e acadar rexistros que lles permitan clasificarse para os distintos campionatos autonómicos e nacionais da tempada ao aire libre. O programa inclúe probas homologadas tanto en pista como en concursos, moitas delas fundamentais para completar o calendario competitivo, especialmente en categorías de base e tamén para deportistas de maior nivel que precisan marcas mínimas de acceso a campionatos estatais.

O abanico de participación arrinca desde a categoría Sub10, con probas como os 500 e 1.000 metros lisos, ata a categoría absoluta, converténdose nunha nova oportunidade para ver en acción a promesas e figuras consolidadas do atletismo galego. Entre os nomes destacados figuran atletas da Mariña como Pedro Moirón, recentemente subcampión de España en pista cuberta, que tentará conseguir a mínima nos 1.500 metros obstáculos, así como a atleta internacional cervense Olga Vicente, que competirá na casa na procura de boas marcas nas probas de 400 metros valados e 80 metros valados”.

Desde o Concello subliñan que “seguirán traballando para atraer citas deportivas de primeiro nivel, reforzando a imaxe de Cervo como destino vinculado ao deporte, á convivencia e á promoción de estilos de vida saudables. A celebración desta xornada volve situar ás pistas da Veiga como un referente do atletismo no norte de Galicia e como escenario idóneo para acadar grandes rexistros de cara ás próximas citas oficiais do calendario galego e estatal”.