A exposición “Chicas nuevas 24h”, de Mabel Lozano, está en Viveiro ata o 15 de abril

O Concello de Viveiro proxectará, na sala multiusos, o documental contra a explotación sexual ‘Chicas nuevas 24h’, de Mabel Lozano. A proxección terá lugar este venres, 5 de abril, ás 19:00 horas e está dirixida ao público xeral. Xunto a este documental a sala multiusos do Concello acolle así mesmo unha exposición co mesmo nome e sobre a mesma temática, que xa está dispoñible para a súa visita. A exposición permanecerá na sala ata o día 15 de abril.

A directora e documentalista Mabel Lozano denuncia, tanto no documental como na exposición e o obradoiro derivados deste, o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas.

Estas iniciativas están impulsadas pola Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero, da que forma parte o Concello de Viveiro, e pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, e no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia.
O obxectivo fundamental desta Rede é a busca do rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real en contra da mesma, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto a na igualdade.

Mabel Lozano é autora doutras longametraxes, curtametraxes, series, libros e podcasts. A denuncia da violencia contra a muller é un tema central da súa obra. Ademais ten creado e dirixido numerosas campañas de concienciación e sensibilización sobre a cuestión de violencia contra a muller para diferentes institucións.