A Festa do Maio, que se celebrará o día 1 de maio en Lourenzá, incluirá este ano o primeiro concurso infantil de sombreiros.

A Festa do Maio de Lourenzá, que se celebrará o vindeiro luns, día 1, incluirá este ano como novidade o primeiro concurso infantil de sombreiros.

A Concellería de Cultura de Lourenzá está a programar a festividade do 1 de maio. Como tódolos anos Os Maios e a Madalena percorrerán as rúas laurentinas vestindo de cor e música todos os recunchos da vila. Como principal novidade este ano o Concello convocou o primeiro Concurso de Sombreiros do Maio, dirixido a tódolos nenos e nenas de 0 a 12 anos. Os sombreiros poden estar realizados con materiais diversos pero sempre facendo mención á conmemoración da data que se celebra: o maio ou a primavera . A Concellería de Cultura fai un chamamento aos veciños e veciñas para que ese día tomen a iniciativa e decoren os balcóns e portais das súas vivendas con flores e plantas facendo honra a esta festividade. 

A programación de actividades para o vindeiro luns, 1 de maio, en Lourenzá empezará ás 16:30 horas coa saída dos Maios e da Madalena do mercado comarcal gandeiro para percorrer as principais rúas da vila enchéndoas de colorido. A escola de música da asociación cultural Osorio Gutiérrez, de Lourenzá, será a encargada de poñer o toque musical ó longo do desfile. Ao remate do percorrido, sobre as 18:20 horas, na Praza do Conde Santo haberá un desfile dos sombreiros do Maio e a entrega do premio para o mellor. Tamén se darán os premios do segundo concurso Unha postal para mamá, organizado pola ACIAL e cuxos traballos estarán expostos na entrada da Casa do Concello. Ademais haberá un espectáculo de títeres a cargo de Mircromina coa representación Gyrovagus, enmarcado dentro do programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia.

O Concello de Lourenzá agradece a colaboración prestada por tódolos veciños e veciñas que axudan na preparación deste evento e tamén a colaboración da asociación Osorio Gutiérrez, ACIAL, membros de Protección Civil e persoal do Concello.