Foz acollerá o 30 de agosto unha sesión de cine ao aire libre para toda a familia. Proxectarase "Maimiño e o espello máxico".

A praza Conde de Fontao, de Foz, acollerá este mércores, día 30, ás dez da noite a proxección ao aire libre da película Maimiño e o espello máxico. En caso de mal tempo esta actividade trasladarase ao salón de actos da Casa da Cultura.

A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, anunciou hoxe que “a Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e máis da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), recupera para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística o programa Redecinema, que chegará desta volta a Foz coa película para público familiar Maimiño e o espello máxico. É unha versión libre do conto infantil do francés Édouard de Labouyale de Polgariño adaptado por José Martí. Conta a historia dun pequeno labrego que quere sacar á súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que destrúen a colleita do campo no que vive e o encontro co Espello Máxico da Media Laranxa son os sucesos que o levarán á aventura. O espello revélalle quen é a muller dos seus soños e anímao a ir á cidade xunto aos seus irmáns, Pablo e Pedro”.

A proxección, en formato de cine de verán (con gran pantalla en exterior), é de acceso libre e de balde.