Foz celebra ata o 21 de agosto a XXI Semana do Teatro Afeccionado. As representacións teñen lugar na rúa.

Este martes comezou a XXI Semana do Teatro Afeccionado de Foz, que conta con catro das súas compañías amateur para as representacións na rúa.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “a primeira obra foi representada no colexio Nº1 polo grupo infantil da Adala coa obra Maruxa narradora de lendas. A continuación este venres a obra que se poñerá en escena será O Randiña, de Pico do Castro, no Campo da Cabana ás 21.00 horas. O sábado a Adala (adulto) representará Vivan os noivos na praia da Rapadoira ás 21.00 horas. E a esa mesma hora o domingo na Praza do Concello poderá gozarse do grupo Axóuxeres coa súa obra Cousas de mulleres”.

Inés López engade que “esta é a continuación do certame de teatro afeccionado que se realizou en Foz no mes de xuño e que tivo como gañadora a obra Vivan os noivos e como segunda mellor representación Cousas de mulleres. Así mesmo, o mellor guión foi para O Randiña e tamén mellor a posta en escena. A mellor dirección foi para Pepe Peinó, do grupo O Centiño, por A morte morrida. Nas categorías de mellor actor o galardoado foi Jesús Lorenzo López, por Crispín en A morte morrida; e na de mellor actriz, María Luisa Oroza, por Lisarda en Vivan os noivos”.

Dende a Delegación de Cultura animan “a que todo o mundo que queira gozar do teatro se achegue a ver as obras galardoadas e que desfrute do teatro en Foz”.

Finaliza Inés López dando “as grazas aos grupos de teatro por seguir traballando para levar a escena cultura todos os días”.