Foz celebrará a súa XXI Festa do Berberecho no peirao o 15 de abril. Haberá pregón, música e degustacións na carpa e nos locais hostaleiros.

A XXI Festa do Berberecho celebrarase no peirao de Foz este sábado, 15 de abril, pero previamente, o xoves 13, ás 20:00 horas no Cenima haberá unha charla de Xesús do Breogán sobre toponimia desde a Ría de Foz ata Cu do Castro.

O sábado 15 as actividades comezarán ás 11:00 horas coa actuación dos grupos tradicionais A Subela e o Feitizo. Desde ás 11:30 horas haberá un programa especial de Radio Foz desde a carpa instalada no peirao, que se abrirá ás 12:00 para o pregón, que correrá a cargo do xornalista e escritor Martín Fernández Vizoso. Despois actuará o grupo Mar Aberto e ás 13:00 horas empezará unha degustación de berberechos e mexillóns. A partir das 20:00 horas a degustación trasládase aos locais de hostalería de Foz, nos que ofrecerán berberechos en varias preparacións.

Ademais a partir das 23:30 horas actuará El Combo Dominicano e despois Discomóvil Conxuro e David Expósito.

O domingo, 16 de abril, continuará a Festa do Berberecho nos establecementos hostaleiros de Foz.