Galipizza en Viveiro e en Ribadeo tenta aos seus clientes "a comer de campo". A iniciativa chámase ACDC.

Este verán Galipizza promociona un novo servizo nos seus locais de Viveiro e Ribadeo: baixo o nome de “ACDC” anima aos seus clientes a disfrutar das súas pizzas e hamburguesas nun “picnic” ao aire libre.

A marca Galipizza, orixinaria da Mariña Lucense e con locais en diferentes puntos de Galicia, estrea este luns un novo servizo anunciado coas iniciais ACDC: “A Comer De Campo”, para que a xente disfrute dos seus pedidos nos parques, no monte, no campo, na praia...

Trátase dun novidoso servizo de reparto que leva os pedidos a calquera localización en exteriores onde os clientes poderán disfrutar dun auténtico “picnic á galega”: a comida de Galipizza chegará acompañada dun mantel de campo, unha neveira vintage portátil con xeo e as bebidas, unha cesta de picnic coa comida e tamén un kit de limpeza con bolsa do lixo para recollelo todo despois.

De momento esta promoción só está disponible nos locais de Viveiro e Ribadeo, e pódense consultar nos locais ou por teléfono as diferentes zonas e horarios de reparto.

“Co pago do pedido deberase abonar tamén unha fianza de 30 euros, que devolveremos coa entrega de volta no local da cesta e a neveira”, comenta José Manuel Vázquez Leman, xerente de Galipizza.

O lanzamento da promoción nas redes sociais da marca fíxose dunha forma ambigua, anunciando só a chegada este verán de ACDC con Galipizza... algo que desde este luns será xa realidade nos campos de Viveiro e Ribadeo.