A III Semana do Deporte celebrarase en Burela do 5 ao 9 de abril. Haberá actividades para adultos e nen@s, charlas e unha visita especial.

A Delegación de Deportes organiza a III Semana do Deporte que se desenvolverá do 5 ao 9 de abril. Haberá actividades para adultos e nen@s, charlas sobre alimentación saudable e primeiros auxilios no deporte e sobre consellos podolóxicos deportivos. En Burela estará Jordan Bachynski, xogador de baloncesto do Obradoiro, que visitará os colexios e participará nun clínic e nunha mesa redonda. A III Semana do Deporte de Burela foi presentada hoxe no Concello.

O edil de Deportes, Ramiro Fernández Rey, lembrou que “esta iniciativa puxémola en marcha dende o momento que entramos no goberno, e demostra claramente a aposta polo deporte que facemos desde o Concello de Burela. Esta Semana do Deporte vai empezar o xoves 5 de abril e rematará o luns 9 de abril, cunha serie de charlas e actividades que cremos son moi interesantes, e que o que fan é incentivar á xente a practicar máis deporte”.

O concelleiro burelés detallou que “vai empezar o xoves 5 de abril cun circuíto deportivo infantil polas escolas deportivas que facemos en colaboración co Burela FS, é unha actividade que ten moita aceptación entre os nenos durante os tres anos que a levamos facendo, e esperamos que nesta ocasión tamén vaia ser un motivo para que os nenos participen e empecen a integrarse na actividade deportiva xunto aos xogadores e xogadoras do Burela FS. Pola tarde do xoves 5 de abril teremos a visita de Jordan Bachynski, un xogador do Obradoiro, un pivote que mide 2´18, que vai facer unha serie de visitas aos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme, e vai facer tamén un clínic pola tarde coas categorías inferiores do Club Baloncesto Burela, que tamén colabora con nosoutros nesta semana do deporte. Para rematar o xoves imos ter unha charla na que imos falar do deporte profesional onde imos contar co propio Jordan Bachynski, Adriá Carmona, que é xogador do CD Lugo e chegou a militar no Milán en Primeira División, e tamén con xogadores do Burela FS, neste caso Ana Romero e Luisma, xogadores dos equipos feminino e masculino”.

Fernández Rey seguiu a relatar que “o venres, tendo en conta a importancia que ten a alimentación sobre todo nas idades máis temperás para a práctica deportiva, imos contar cunha charla de Cristina Rodil, unha dietista e nutricionista de Burela, que vai dar unhas charlas nos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme. Pola tarde, outra actividade que tamén estamos moi contentos de poder contar con ela, vai ser unha charla de primeiros auxilios no deporte e como aprender a salvar unha vida, que vai dar Camilo Vázquez, membro do 061, quen nos vai explicar un pouco como se pode facer a recuperación cardiopulmonar e vainos ensinar a utilizar os desfibriladores que poden salvar unha vida”.

O concelleiro de Deportes contou que “o sábado 7 de abril imos contar cun circuíto infantil de BTT e o circuíto de educación vial que imos poñer na Praza da Mariña, no que vai colaborar o club Cerezo Bikes. Pola tarde metemos nesta Semana do Deporte o partido de fúlbol sala feminino de Primeira División que vai disputar o Pescados Rubén co Móstoles. O domingo temos unha baixada BTT no Monte Castelo nos circuítos que temos alí, tamén colabora o club Cerezo Bikes. Imos ter furgonetas para poder facer remontes e poder baixar varias veces. Pola tarde imos ter un torneo de xadrez co que colabora a asociación Reyes y Peones. Tamén queremos dar visibilidade a este tipo de deportes que cremos que son moi positivos para a mente, sobre todo”.

O edil de Deportes indicou que “o luns 9 de abril imos ter o programa da Radio Galega Convivir deportivo que lle vai dedicar ao Burela FS, e vai estar no auditorio da Casa da Cultura a partires das sete da tarde. Rematamos os actos desta terceira Semana do Deporte de Burela cunha charla de consellos podolóxicos deportivos a cargo de Eva Rubal, que nos vai explicar o tipo de calzado que debemos escoller para a modalidade deportiva que queiramos practicar, e intentar evitar ter lesións ou problemas nos pes”.

Para Ramiro Fernández “esta é unha semana moi completa na que invitamos a todos os veciños e veciñas de Burela a acudir e participar activamente de todo isto porque cremos que é moi positivo para todos. Imos seguir apostando por este tipo de actividades. O Concello de Burela está volcado co deporte en todos os aspectos e esta é unha maneira máis de poder visibilizar ese apoio que lle damos”. 

O concelleiro quixo “dar as grazas a todos os colaboradores, aos clubs, e a todas as entidades que colaboran con nosoutros desinteresadamente, especialmente á Deputación de Lugo que tamén colabora con esta Semana do Deporte”.