A Librería Bahía, de Foz, celebra o 16 de novembro o Día das Librerías e o día 17 haberá unha nova sesión de "Familias que contan".

A Librería Bahía, de Foz, organiza varios actos con motivo da conmemoración do Día das Librerías, que se celebra este venres, 16 de novembro.

Ás 20:30 horas terá lugar unha presentación-coloquio coa escritora burelesa Antía Yáñez, que presentará a súa novela Senlleiras. Antía Yáñez gañou con esta novela o premio Illa Nova de narrativa convocado pola editorial Galaxia, para promocionar a autores novos. Trátase dunha historia que aborda os malos tratos a través da vida de dúas mulleres afastadas no tempo pero con moitas cousas en común. Antía Yáñez tamén ven de gañar o premio Fina Casalderey para literatura xuvenil de temática feminista, coa obra A Reconquista. Este encontro con Antía Yáñez está organizado en colaboración co club de lectura da Pomba do Arco.

O sábado, 17 de novembro, ás 12:00 horas, tamén na Librería Bahía, terá lugar unha nova sesión de Familias que contan, da man de Paloma Díaz e os seus fillos Adrián e Antonio, que narrarán Marcelina en la cocina.