Máis de 750 persoas participarán o 27 de xaneiro en Foz na cea de coroación do Rei do Entroido. Haberá novidades na seguridade.

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixo hoxe un balance moi positivo da Festa do Chícaro, que se celebrou este pasado fin de semana, e anuncia que o Concello xa está en modo Entroido. Este sábado, día 27, terá lugar a cea de coroación á que asistirán máis de 750 persoas. Esta afluencia de público obrigou a ampliar a carpa, que contará con seguridade nas tres portas de acceso á mesma, e os asistentes disporán ademais dunha pulseira identificativa para evitar a entrada de persoas alleas ao evento. Outra das novidades será a edición dun vaso exclusivo do Entroido, que se porá á venda ao prezo de 1 euro.

O rexedor municipal manifestou: “estamos moi contentos de como está indo o mes de xaneiro no noso concello. Unha vez rematada a Festa do Chícaro o balance é moi positivo, esgotáronse as existencias que tiña previstas a organización e houbo moitísima xente durante todo o fin de semana. Estamos moi contentos da repercusión desta festa no noso pobo e en toda A Mariña en xeral, porque segue sendo un punto de reunión neste mes de xaneiro, neste inicio de ano, o que nos ven moi ben ao pobo”.

Javier Castiñeira declara que “agora xa estamos cambiando a modo Entroido porque este fin de semana xa temos a cea de coroación do rei do Entroido no noso concello. Máis de 750 persoas solicitaron participar nesta cea. Xa está feita esa ampliación da carpa que nos vai permitir poder poñer esas case 200 persoas máis, despois que o ano pasado que xa fora un récord, e poder facelo comodamente”.

O alcalde explica que “cunha obra moi simple, que foi a retirada dun muro perimetral e a limpeza dunha finca que tiña o Concello, conséguense 250 metros máis, o que nos ven moi ben, tanto para a cea como para o baile”.

Castiñeira anuncia que “imos poñer tamén seguridade nas portas para evitar calquera situación indesexable e mellorar a seguridade da carpa. Ademais todos os participantes terán a súa pulseira e así evitarase que entre xente de fóra que poida modificar o aforo que hai establecido”.

O rexedor engade que “haberá tamén pequenos cambios á hora dos sorteos. Era unha cousa que nos pedían as peñas, porque duraba moito. Agora vaise facer un sorteo único, van quedar os números premiados nun panel e a partir de aí todo o mundo pode ir buscar o seu regalo sen ter que parar a festa para iso”.

Javier Castiñeira sinala ademais que “a gran novidade final, eu creo que moi boa tamén, é que, facéndolle caso á suxestión das peñas, haberá un vaso propio da festa do Entroido, igual que temos na Festa Normanda, que se poderá comprar por 1 euro e nese vaso poderán darse as consumicións. Non se pode dar vaso de vidro, estábase dando nun vaso de plástico de tubo, pero non gustaba á xente. Entón todos aqueles que o queiran van poder coller o vaso do Entroido, que pode servir tamén como un recordo”.

O alcalde de Foz di que “o Concello xa está pensando no Entroido e aínda que quedan tres semanas estamos cos preparativos e esperamos que sexa un bo fin de semana para todos”.