
A Área de Muller e Igualdade do Concello de Xove anuncia que despois de abrir o prazo de inscrición o pasado 1 de setembro para a XV edición do tradicional Encontro de Palilleiras Coas nosas mans do Concello de Xove, que se celebrará o 3 de outubro, “xa se anotaron máis dun centenar de persoas para a súa participación no encontro e máis de vinte postos de venta de produtos e artesanía de Galicia. Unha tendencia que está sorprendendo á organización é o aumento significativo de palilleiras de fóra da comunidade de Galicia anotadas ata este momento, sendo as comunidades de Asturias e León as máis representativas en número de participantes”.
O Concello destaca que este evento “representa un acontecemento para o pobo de Xove, pois recibe mulleres de tódalas partes de Galicia e de fóra, que intercambian técnicas na arte do encaixe e experiencias, ademais de reforzar lazos sociais e manter vivo o espírito do traballo comunitario. Xove énchese por un día de persoas de moi distintas orixes que proban a nosa gastronomía, descobren paisaxes únicas e, o mellor de todo: sempre prometen volver. Desde a organización queremos agradecer outro ano máis a confianza de todas estas persoas e lembrar que o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro”.


