Mamá Cabra presenta o 15 de febreiro en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, "A fraga do meu avó", un espectáculo de música infantil.

O grupo Mamá Cabra presenta este sábado, 15 de febreiro, en Viveiro, o espectáculo de música infantil A fraga do meu avó. Dará comezo ás 18:00 horas e ten unha duración dunha hora.

As cancións coas que se enche esta montaxe naceron o día que Gloria paseou pola fraga co seu primo Cándido que lle contaba miles de contos que sucederon alí. Coas súas botas e o seu gavillo percorreu o regato que a cruza buscando a fonte da que tiña oído falar e que se agochaba entre o lixo e a maleza. A base de paseos e visitas apareceron animais que nunca viran, árbores inmensas que sabían segredos da vila, plantas que sanaban e floriñas ventureiras.

A fraga do meu avó está en Santa María de Vigo, en Cambre, e para que se coñeza a súa historia naceu un libro, varios poemas, contos e moitas cancións, que están no espectáculo.