A Mancomunidade estará presente en Fitur 2023 coa campaña "Descubre A Mariña Lucense. Vive o Norte de Galicia".

A Mariña Lucense volverá estar presente en Fitur do 18 ao 22 de xaneiro da man de Turismo de Galicia presentando a nova campaña turística: Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector.

O vídeo principal desta nova estratexia de comunicación formará parte do acto de presentación da Mariña Lucense que terá lugar o xoves, 19 de xaneiro, ás 17:30 horas no stand de Turismo de Galicia. No evento intervirá o Presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, acompañado por representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

No acto o presidente da Mancomunidade fará fincapé “nos avances do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (2022-2024), enunciando os proxectos que se están abordando e que sen dúbida darán un novo pulo e proxección ao destino. Actuacións como o reforzo da entidade de xestión, o  impulso á participación dos axentes do sistema turístico, a revisión da arquitectura de marca e desenvolvemento da estratexia de márketing, avances na comercialización do destino, traballos de mellora da sinalización e o reforzo das infraestruturas. Trátase de produtos e experiencias sostibles que están motivando diversas actuacións como a reactivación da Ruta Pardo de Cela, a elaboración e execución do plan operacional do turismo de natureza e deportivo, a validación do trazado e a sinalización do Camiño do Mar ou a sinalización da Ruta indiana de Ourol. Tamén se están fortalecendo produtos e marcas propias como é o caso de Turismo Slow Norte de Galicia ou as Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense, que tan ben representan os valores que o destino quere transmitir”.

Fran Cajoto explica que “vídeo promocional marcará o inicio dunha campaña deseñada tras o éxito de Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense coa que se viña promocionando o destino nos últimos dous anos. A campaña será executada durante os próximos meses a través de diversos medios convencionais e dixitais e ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e notoriedade do destino ao tempo que se reforza o posicionamento da Mariña na mente do cidadán, principalmente a nivel nacional”.

A Mancomunidade estará presente en FITUR desde o 18 de xaneiro mantendo contacto e xuntanzas de traballo con profesionais do sector, prestadores de servizos, outros destinos turísticos, e con turoperadores e axencias minoristas, co obxectivo de presentarlles a variedade e calidade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino.

As persoas que acudan a Fitur 2023 poderán atopar información turística sobre A Mariña Lucense, ocasión para a que a Mancomunidade editou unha edición especial da guía A Mariña Lucense ao descuberto.