A Mariña conta con dúas novas audioguías ficcionadas. Son as de Foz e Sargadelos, en Cervo, que se unen ás de Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro, Alfoz e Lourenzá.

O Cenima acolleu esta mañá a presentación das dúas novas audioguías ficcionadas da Mancomunidade de Concellos da Mariña. Son as de Foz e Cervo, que se unen ás outras cinco xa estreadas hai tempo. No acto participaron o presidente desta entidade e alcalde focense, Fran Cajoto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o concelleiro de Turismo de Cervo, David Rodríguez, e Xesús Ron, de Chévere Teatro, autor deste proxecto, que conta co financiamento da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. 

As audioguías ficcionadas da Mariña Lucense son unha iniciativa – pioneira en España – que aposta por mellorar a experiencia viaxeira das persoas que nos visitan a través dun produto de calidade, personalizado e adaptado a cada municipio onde se desenvolven, que axudan a divulgar e poñer en valor a historia local entre os propios residentes e a comunidade educativa. Son historias que ata o de agora estaban ambientadas en 5 localidades: Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro e a partir de hoxe tamén o estarán en Foz e Cervo. Resultado dun coidado proceso de documentación por parte do equipo de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que serven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios.

Son relatos ficcionados e dramatizados pola propia compañía que configuran un paseo ameno e suxerente con intervención de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música,… Cada audioguía ten un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que busca a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os diferentes paseos.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou que “as audioguías ficcionadas propoñen un percorrido relaxado e sinxelo – en todos os casos de menos de 50 minutos – que se pode realizar individualmente, en parella ou en grupo. Poden reproducirse ou descargarse de forma gratuíta no dispositivo móbil, MP3 o MP4 de cada un dende a web da Mancomunidade ou, nas oficinas de turismo locais de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo – situadas sempre próximas ao lugar de inicio do percorrido – pódense alugar auriculares illantes coa audioguía incluída, a un prezo simbólico de 2€, con gratuidade para nenos e nenas de ata 12 anos e para outros colectivos concretos, coma no caso dos centros educativos. Este servizo, que polo de agora non está dispoñible en Foz, Cervo e Viveiro, agardamos que poida estalo antes do verán”.

Cajoto lembrou que “esta iniciativa xorde da colaboración entre a Mancomunidade e Chévere, co apoio dende os inicios tanto da Deputación de Lugo coma da Xunta de Galicia e dos municipios escenarios dos percorridos, coa inestimable axuda de técnicos, historiadores e veciños que axudaron a transmitir a historia de cada lugar. No 2018 iníciase o proxecto coas audioguías en galego para os tres centros históricos da Mariña: Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro, no 2019 tradúcense estas 3 ao español, inglés e francés, no 2020 tócalle a Lourenzá e Alfoz – Castrodouro e no 2021 estas novas para Foz e Cervo – Sargadelos máis a tradución ao español das dúas anteriores. Neste ano, 2022, a cargo do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense está contemplado seguir poñendo en valor este produto coas traducións que faltan ao español, inglés e francés, co obxectivo de que consigamos o seu impulso e consolidación definitiva, cunha maior promoción entre os turistas, pero tamén os centros educativos xa que consideramos, ao igual que coas Rutas de Artesanía o seu interesante poder didáctico”.

Para o presidente da Mancomunidade “as audioguías ficcionadas, son un piar máis dentro das distintas iniciativas que se desenvolven dende a Mancomunidade en base ao turismo slow e sostible. Con elas agardamos poder ofrecer valor e atraer a un turista curioso, respectuoso e sensible co territorio a través de experiencias diferenciadoras, favorecer a súa permanencia e a desestacionalización, fortalecendo o posicionamento da Mariña Lucense como destino de calidade. É para salientar que as audioguías ficcionadas son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas, pero se estas últimas teñen que realizarse en grupo en nun horario predeterminado, cun alto custe de produción e un prezo relativamente alto para o público destinatario, as audioguías ficcionadas permiten as visitas sen cita previa e nos días que as oficinas de turismo están cerradas por descanso, vacacións, etc, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final”.

Na súa intervención o presidente da Mancomunidade aludiu “á historia e á tradición de Sargadelos, unha seña de identidade para a comarca. A cerámica é unha grande embaixadora da Mariña”. E sobre Foz dixo que “Foz é campo e mar. A vila focega, eminentemente mariñeira e as súas xentes viviron ligadas ao mar durante moitos anos. Aquí chegamos a ter ata cinco asteleiros”. Cajoto agradeceu “a participación de Xoan Ramón Fernández Pacios, de Antón Niñe, da técnica de Cultura, Pilar López, e de todas as persoas que nos axudaron a afondar no pasado de Foz para que quede reflectido nesta audioguía e así achegalo a veciños e visitantes”. 

Ata o acto celebrado no Cenima acudiron alcaldes e concelleiros na comarca da Mariña, propietarios de establecementos hostaleiros, representantes das AAVV da vila e dos centros educativos, que comentaron o interesante da iniciativa para introducir a historia local no seu alumnado. Ao seu remate tiveron a oportunidade de gozar de ambos paseos ficcionados por Foz e por Sargadelos. 

Todo a información sobre as audioguías ficcionadas pode atoparse na páxina web da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/es/audioguias-ficcionadas