Mariña Patrimonio organiza unha charla sobre o comercio a través da cerámica de Punta Atalaia. Será o 28 de maio na Casa da Administración de Sargadelos.

Desde Mariña Patrimonio explican que “comezamos coas actividades programadas por Mariña Patrimonio para o 2022 retomando unha conferencia, cancelada no pasado mes de novembro, a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, que nos falará sobre os restos cerámicos atopados no xacemento da Atalaia (San Cibrao). A actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, celebrarase o vindeiro sábado, 28 de maio, ás 18:3 horas no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos”.

E engaden: “dende o 2006, no xacemento de Punta Atalaia téñense realizado diversas intervencións arqueolóxicas, que demostraron a existencia dun importante asentamento galaico-romano así como a reocupación do lugar na Idade Media. Un dos aspectos máis relevantes destas intervencións é o abundante e variado conxunto de materiais cerámicos atopados no transcurso das escavacións. Este material cerámico amósanos a importante actividade comercial que se desenvolveu dende a Atalaia con Lugo e maila Meseta, ademais de conexións comerciais co Atlántico – Cantábrico e co Mediterráneo”.

En Mariña Patrimonio comentan que “sen dúbida, as persoas que se acheguen o vindeiro sábado ao Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos sorprenderanse da interesante información que revelan os restos cerámicos atopados no xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia”.