Medio cento de persoas asistiron á presentación do vídeoclip "Amiga ansiedad", do grupo de rock ribadense Remakers.

Medio cento de persoas asistiron en Cine Ribadeo á presentación do vídeoclip Amiga ansiedad, do grupo de rock ribadense Remakers. 

Ao inicio do acto Cherry, vocalista da formación, dixo: “grazas por vir e por apoiar a cultura de Ribadeo. Queríamos agradecervos a vosoutros que esteades aquí; a Faro Norte, por darlle cobertura a esta presentación; e a Dani Díaz e Gloria Tejero, de 60 Ráfagas, que se achegaron ata aquí ademais de facernos esta marabilla que ides ver agora”. 

Cherry explicou que “o motivo polo vos convidamos a estar aquí é para presentar o vídeoclip deste single, que é un adianto do que vai ser o noso disco Sueños y otras pesadillas, que se editará o 14 de decembro. Ese día estará en formato físico e tamén nas plataformas dixitais”.

Sobre o tema do vídeoclip contou que “se chama Amiga ansiedad, e fala sobre este problema que hoxe en día é moi común na sociedade e está un pouco provocado polo presión social que temos co sistema no que vivimos. Case estamos obrigados a vivir rápido e a seguir unhas pautas sociais que van moitas veces en contra do que cremos realmente e do noso ideal de vida”.

Outro dos compoñentes de Remakers, Iván Fillo, tamén agradeceu “á xente do Cine Ribadeo, porque se enrollaron moi ben para poder facer aquí esta presentación”. E engadiu: “non é costume nosa poñernos tan serios para estes asuntos, entón tivemos que botar man de xente máis profesional e contactamos con 60 Ráfagas para a realización deste vídeoclip”.

Desde 60 Ráfagas Dani Díaz manifestou: “estamos moi contentos de ter traballado con Remakers para facer este vídeoclip, porque non só é unha gran banda, somos fans e amigos. O proceso creativo foi fantástico, deixáronnos facer literalmente o que quixemos. Estamos encantados de ter feito este traballo para este single”. 

Dani Díaz engadiu que “é un disco fantástico o que van sacar, nós escoitámolo en primicia enteiro e deberiades compralo en canto saia á venda o 14 de decembro. O tema que elixiron como single é moi representativo do disco, é un tema moi escuro, pero ten un estribillo moi luminoso e iso permitiunos xogar con moitos contrastes e con diferentes formatos de imaxe. Agardamos que vos guste e o que disfrutedes”. 

Á presentación desta tarde no Cine Ribadeo asistiron tres dos compoñentes de Remakers: Cherry, Rober e Iván. 

Amiga ansiedad poderá verse e escoitarse xa a partir desta noite nas redes sociais.