
Mondoñedo celebra as súas festas patronais na honra á Virxe dos Remedios desde este venres, día 11 de setembro, ata o luns 14.
As actividades comezarán o venres ás 20:30 horas coa sexta edición do Festival Mamá quero Cantar, no auditorio municipal Pascual Veiga.
O sábado 12 ás 12:30 horas haberá o espectáculo infantil DiverS@S, con Bátega Teatro. Será no xardín da Igrexa dos Remedios. Ás 13;45 horas, sesión vermú na Alameda coa orquestra Miramar. Ás 14:00 horas actuará o grupo tradicional A Requinta de Lampai, na praza do Concello, organizado por Gaita Escola. Ás 17:30 horas haberá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional (actividade aberta e de balde), tamén organizado por Gaita Escola. Ás 18:00 horas, espectáculo infantil A nena e o grilo camiño das cores no auditorio municipal. Ás 20:00 horas comezará a XIII Xuntanza de Cantos de Taberna de Mondoñedo, na que a saída terá lugar dende a Praza do Concello percorrendo os locais de hostalería, tamén organizada por Gaita Escola. Desde as 22,00 horas haberá verbena na Alameda coa orquestra Miramar e Discomóbil Onda Norte. E a partir das 23:30 horas, foliada aberta dos cantos de taberna na Praza do Concello.
O domingo ás 11:30 horas sairá a comitiva da Casa do Concello cara ao Santuario da Nosa Señora dos Remedios, acompañada pola Banda de Música de Vilalba. Ás 12:00 horas celebrarase misa de ofrenda á Virxe dos Remedios presentada pola alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e que será presidida polo Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa. Seguidamente terá lugar a solemne procesión polo itinerario de costume. Ás 13:30 horas haberá sesión concerto na Alameda coa Banda Municipal de Música de Vilalba e desde as 14,00 horas, sesión vermú amenizada pola orquestra Salsarena, que tamén actuará na verbena xunto á Discomóbil Onda Norte.
E o luns 14, que é festivo local en Mondoñedo, ás 12:30 horas celebrarse Misa de Cofrades no Santuario da Nosa Señora dos Remedios, cantada polo Coro Mindoniense. Ás 13:30 horas, sesión vermú coa orquestra Suavecito, que actuará ata as 16 horas. Tamén será o Día do Neno con Festa da Bicicleta ás 18:00 horas, desde a praza da Catedral ata a Alameda dos Remedios e descontos nas atraccións infantís.


