Mondoñedo celebrará o Corpus Christi o 3 de xuño. Un grupo de voluntarios prepara as alfombras florais.

A cidade de Mondoñedo celebrará o vindeiro día 3 de xuño o Corpus Christi.Un ano máis, un grupo de voluntarios atópase xa inmerso nos preparativos para elaborar as alfombras florais, que se farán dende o sábado pola tarde. 

O cartel, autoría de Irma Loureiro, foi presentado nun acto na Catedral no que participaron os propios voluntarios das alfombras florais, xunto á alcaldesa e ao bispo de Mondoñedo, D. LuisÁngel de Las Heras. A artista Irma Loureiro tamén é a encargada de deseñar as plantillas dos debuxos que adornarán as rúas da nosa cidade, nun día no que a beleza de Mondoñedo se incrementa, coas flores dos balcóns, as bandeiras e o colorido das alfombras florais.

Este ano a temática das alfombras será unha homenaxe ás antigas cidades e vilas da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, que cada ano se turnan para realizar a Ofrenda á Patroa da Diocese, a Nosa Señora dos Remedios. 

Novidades
Como novidades, este ano o Bispado, xunto ao Cabildo Catedralicio e a Confraría dos Remedios, costearon a elaboración dunhas novas e fermosas andas nas que irá o Santísimo Sacramento da Catedral de Mondoñedo,  para procesionar xunto á patroa de Mondoñedo. 

 

A Solemne Eucaristía de Corpus Christi terá lugar o domingo 3 de xuñoás 11 horasna catedral, presidida por monseñor De las HerasBerzal. Acto seguido, desenvolverase a procesión, cuxo acompañamento musical correrá, este año e como novidade, a cargo da agrupación da Confraría da Virxeda Amargura de Ferrol, con máis de 30 compoñentes.
Restricións de tráfico
Segundo informa o Concello o tráfico quedará restrinxido nas rúas do centro a partir das 18:00 horas, e non será posible o acceso ata o domingo pola tarde. As rúas afectadas por estes cortes serán: Praza da catedral, Alfonso VII, Lodeiro Piñeiroa, Frai Antonio de Guevara, Obispo Sarmiento, Leiras Pulpeiro, Pacheco, LenceSantar, Andres Baamonde e Progreso. 

Dende o Concello pídese colaboración cidadá e respecto ao traballo que realizarán os preto de 30 voluntarios ao longo de toda a noite. 

Tanto o Concello como a Diocese de Mondoñedo-Ferrol animan a participar na celebración dun dos actos máis vistosos e con máis tradición que ten a cidade. 

Agradecementos
Os portavoces do grupo de alfombristas queren agradecer a todas as persoas implicadas en sacar adiante todo este traballo. Dun lado, ao Hospital de San Pablo, que axudaron moito nas últimas semanas, e teñen previsto a confección dunha alfombra floral propia, tal e como xa fixeran o ano pasado. Tamén agradecen o esforzo de todas as persoas que a título individual están axudando, nos momentos que poden, a cortar as ramas, as flores e a tinguir o sal. Agradecen tamén o papel das institucións implicadas, Bispado, Cabildo Catedralicio, Concello, Confraría dos Remedios, ou os negocios que colaboran e axudan dunha ou doutra maneira.