Mondoñedo celebrará o seu tradicional desfile de Entroido o 17 de febreiro. Na cita repartiranse 5.000 euros en premios.

Mondoñedo celebra o seu tradicional desfile de Entroido o sábado 17 de febreiro. O edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García; e o de Deportes, Industria e Promoción Económica, Manuel Tapia, presentaron o cartel anunciador dos festexos deste ano, durante os que se repartirán 5.000 euros en premios, con seis galardoados na categoría de comparsas e cinco na de grupos, ademais dos individuais. 

Alberto García asegurou que dende o Goberno local “amosámonos anualmente comprometidos coa celebración do Entroido e coa importancia de incluír novidades e cambios na súa programación, que permitan dinamizar e impulsar o tradicional desfile da nosa cidade, ao que acoden participantes chegados de diferentes puntos da comarca e mesmo de fóra da Mariña”.

Pola súa banda, o edil de Deportes, adiantou que as bases do concurso que rexerán o desfile de Entroido se farán públicas no vindeiros días e aconsellou “a súa lectura antes de formalizar as inscricións” ao tempo que animou “a participar do noso Entroido, que este ano estará acompañado de verbena e música ata ben entrada a noite”.

Dende o Goberno local tamén explicaron que esta anualidade, o Entroido inclúe novidades na súa programación. Ademais de cambios no número de premios por categoría, con seis na de comparsas e cinco na de grupos; o Concello instalará na Praza do Concello unha carpa onde se coñecerán os fallos do xurado, tras cuxa entrega de galardóns, actuará a orquestra Salsarena. Xa pola noite, os mindonienses e asistentes poderán tamén desfrutar da actuación dun dj, que porá música á noite de Entroido na cidade.