Mondoñedo será escenario o 10 de setembro da X Xuntanza de Cantos de Taberna, xornada na que Treixadura ofrecerá un concerto na Praza da Catedral.

A asociación Gaita Escola de Mondoñedo organiza este sábado, 10 de setembro, a “X Xuntanza de Cantos de Taberna”.

O encontro terá lugar ás 20:00h onde 12 grupos de diferentes puntos de Galicia cantarán e tocarán polos diferentes bares e tabernas da vila. Con motivo do seu décimo aniversario contan cunha actuación de balde moi especial. 

Treixadura estará en concerto ás 22:30h na Praza da Catedral para presentar o seu novo traballo, “Camiño Longo” e celebrar que, ao igual que os Cantos de Taberna, tamén están de aniversario xa que levan 30 anos de andaina. Con este disco Treixadura quere recuperar as melodías dos inicios do grupo e soarán en directo os temas máis emblemáticos da agrupación. 

Pero aínda hai máis, Gaita Escola convida a seguir a festa cunha foliada aberta na Praza do Concello a partir das 00:00h onde todo o mundo ten cabida para tocar, bailar e gozar coa música tradicional. A Asociación Gaita Escola quere agradecer á hostalería mindoniense a súa participación así como ao Concello de Mondoñedo e a Asociación O Pasatempo para que todos os actos se poidan facer posibles. 

Por último, recordar que todo isto enmárcase nas festas patronais que Mondoñedo celebra na honra da Virxe dos Remedios os días 10, 11 e 12 de setembro.