Música, exposicións, cine e maxia son algunhas das actividades programadas en Ribadeo para o terceiro trimestre do ano.

A axenda cultural do Concello de Ribadeo para o terceiro trimestre do ano comezará coa Feira do Libro, coas antevésperas e coas vésperas do Ribadeo Indiano. Ao longo destes tres meses terá lugar a XI edición de Mariñarte, o 8º curso de iniciación ao jazz, o SonRock, a proxección de Dhogs, e as actuacións que o Mago Antón ofrecerá en Cedofeita e en Ribadeo. Actividades para os nenos e nenas, exposicións e moita música completan a programación cultural presentada esta tarde no Concello.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que “hai distintos xéneros e actividades. En artes plásticas vai haber unha exposición de Cris Andina no Forte de San Damián, que leva por título Outra pel, outro rostro, para que coñezamos un pouco máis o mundo da escena en Galicia. Toda unha serie de actores e actrices coñecidos por nós, pero desde a súa faceta máis humana. Tamén teremos a XI edición de Mariñarte cunhas conversas especiais entre a arte de Lucía Vila e de Cris Basanta”. 

O edil contou que “desenvolvemos este ano, cun pouquiño máis de intensidade, a nosa intención de levar a cultura ás parroquias. Queremos destacar especialmente a achega que facemos o 15 de xullo, data na que nos vai visitar o mago Antón co seu espectáculo. Vai estar en Cedofeita, con dúas sesións pola mañá, e pola tarde estará en Ribadeo, no parque de San Francisco, con catro pases”.

Graña seguiu a relatar que “sempre está presente a música no verán, e a Coral Polifónica de Ribadeo vainos deleitar co seu bo facer musical tanto no clásico concerto de verán como no concerto da patroa. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceranos distintas actuacións, o día da patria, o concerto das bandas, o que dá en Cabanela cando a asociación Amadores da Música fai a súa churrascada, e o concerto tradicional de San Roque. A última actuación do verán da Banda de Música de Ribadeo será o seu clásico concerto de música de cine. Tamén haberá música por parte de ribadenses novos. Teremos un concerto de Guillermo Cruzado Martín ao piano, e Mbira Dúo, concerto desenvolvido por Irene Rodríguez e Noé Rodrigo. Ademais Calabash e A Gramola ofrecerán unha actuación no Teatro. Teremos o clásico SonRock de Ribadeo, que nesta ocasión contará coa presenza de Remakers e Tregua. Teremos a visita como todos os veráns de I colori de l´Armonia e o seu concerto de música clásica,  e a oitava edición do Curso de Iniciación ao Jazz, á improvisación e á música moderna de Ribadeo cuxos integrantes ofrecerán tamén un concerto de clausura”.

O concelleiro de Cultura dixo que “tamén hai colaboración doutras entidades. Así a asociación cultural Amigos da Gaita, que se encarga da organización da Xira, levará a cabo a organización do pregón da Xira. A agrupación cultural Francisco Lanza desenvolverá o seu clásico Palabras no balcón, que incluirá recital de poesía e música. Desenvolvemos ademais o programa Apego con actividades de animación na rúa para críos con distintos grupos de monicreques, teatro de títeres e, en setembro, unha sesión de promoción da lectura na biblioteca municipal El Viejo Pancho. Teremos ademais cine. Para rematar este verán proxectaremos cara a finais de setembro a película Dhogs, un éxito dunha produtora de Meira que está tendo unha gran acollida por parte do público”.

Farruco Graña quixo destacar que “todo o verán é unha festa, todas as parroquias de Ribadeo van estar desenvolvendo festas, as festas patronais, as festas de San Roque, as de Cedofeita, de Arante e demais, así que animamos a todo o mundo a participar nelas. Lembrar que aqueles actos que está previsto que se desenvolvan na rúa, sempre temos como alternativa o Teatro de Ribadeo por se hai choiva. É unha programación pensada para os veciños e veciñas de Ribadeo para que gocemos do verán ribadense, e tamén para aquelas persoas que nos visitan”.

A foto que ilustra a axenda cultural para o terceiro trimestre do ano é autoría de Toni Deaño.