A música inundará Ribadeo do 22 ao 24 de xullo co Pancha Festival, con Té Canela e Los Jinetes del Trópico e co concerto de piano de Guillermo Cruzado.

Ribadeo inúndase de música esta fin de semana co festival de verán que se celebrará en Cabanela o sábado e coa actuación de Lítore Quartet no Mercado dos Domingos o 24. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, declarou que “a música inundará esta fin de semana a nosa vila. Despois da intensa actividade que desenvolvemos durante o VII Ribadeo Indiano seguimos coa nosa axenda cultural para o terceiro trimestre de 2022, que arrinca co festival de verán que terá lugar o sábado, 23 de xullo, en Cabanela”.

A edil ribadense subliñou: “nese espectacular marco, a carón da nosa ría, a partir das nove e media da noite poderemos gozar coa música de TéCanela, que veñen presentarnos o seu traballo Al borde de la cordura. Neste festival contaremos tamén coa presenza de Los Jinetes del Trópico. A entrada é de balde. En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao auditorio municipal Hernán Naval”.

Pero a música na vila non comeza con este evento, senón un día antes. Pilar Otero dixo: “pero antes, este venres, 22 de xullo, a comisión das festas de San Roque e da Patroa ribadense organiza xunto a Espectáculos Pico, no aparcadoiro que está situado a carón do Juanín, a actuación da orquestra Panorama. Trátase dunha actividade coa que colaboramos desde o Concello de Ribadeo. Para este concerto a organización vai cobrar entrada. Tanto neste caso como no festival de verán do sábado, 23 de xullo, en Cabanela vaise permitir a colocación dunha barra de bar, co obxecto de recadar fondos para a organización das festas patronais de 2022”.

Pilar Otero seguiu a relatar que “o domingo haberá máis música en Ribadeo. Lítore Quartet actuará na contorna da praza de abastos o día 24 a partires das doce do mediodía para amenizar o Mercado dos Domingos, esta cita tan exitosa e demandada, que ten como protagonista ao produto local.  Esta actuación está organizada polo Concello e polo Xacobeo 21/22. E pecharemos a fin de semana co concerto de piano que ofrecerá o ribadense Guillermo Cruzado o domingo ás 21:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval. É o seu terceiro concerto en Ribadeo e nel poderemos escoitar obras de Beethoven, Granados, Chopin, Ravel ou Liszt.”

A concelleira de Cultura ribadense anima á xente a acudir a disfrutar destas propostas: “animamos a ribadenses e visitantes a gozar das propostas coas que se atoparán estes días na nosa vila. Moita música, moitas posibilidades… para todos os gustos e públicos”.