Música, teatro e espectáculos para @s máis pequen@s. Esa é a oferta cultural de Ribadeo para o segundo trimestre do ano.

A axenda cultural de Ribadeo para os meses de abril, maio e xuño ofrece moita música e teatro. Pasarán por Ribadeo en maio e xuño Miro Casabella e a Vargas Blues Band. E do 29 de xuño ao 1 de xullo desenvolverase a Feira do Libro no parque de San Francisco.

O concelleiro de Cultura en Ribadeo, Farruco Graña, explicou na súa comparecencia desta mañá que “a imaxe de portada do tríptico que recolle a programación, foi deseñada por Fernando Fernández Páez, unha imaxe preciosa que fai referencia ao xermolar dunha nova vida como corresponde sempre á primavera. Ademais poñemos unha imaxe de María Victoria Moreno, que é a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas”.

O edil ribadense contou que “queremos empezar destacando todo o relacionado co programa Apego no cal se integrou o Concello de Ribadeo. Temos teatro para os nenos, música para os nenos e as nenas, temos tamén unha conferencia para os mozos e mozas que están estudando no ciclo formativo de Educación Infantil do IES Porta da Auga e que será este xoves, 5 de abril, ás doce. Pero sobre todo para os críos e as crías temos teatro con Trécola, con Ubú Teatro e tamén As Maimiñas en concerto. Actos todos eles ao longo deste mes de abril e tamén no mes de maio que teñen un especial significado para o mundo das letras. Celebraremos o Día do Libro na Biblioteca Municipal e celebraremos o Día das Letras Galegas ao longo de todo o mes de maio especialmente pensando nos pícaros e nas pícaras”.

Graña sinalou que “tamén hai música que por suposto centraremos no ámbito das letras galegas, pero que recollerá ademais outro tipo de estilos e non só música folk. Este 7 de abril na igrexa parroquial, ás oito e media, teremos a actuación do coro xuvenil da Escola Municipal da Escola de Música de Foz, será un intercambio que faremos os dous concellos e a coral xuvenil de Ribadeo irá a Foz. Teremos ocasión para volver practicar o swing bailando e escoitando música, serán unhas xornadas o 13, 14 e 15 de abril, e destacamos o concerto de Viajeros del Swing o 14 de abril, ás dez e media no Teatro. Seguiremos coas audicións da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo do 23 ao 27 de abril, e o 27 de abril teremos no Teatro, ás nove da noite, a actuación de María Sedano e o Trío Maldataskull. Ademais a asociación de Amigos da Gaita fará a súa achega de danza e música no tradicional Festival de Amigos da Gaita o 5 de maio ás cinco e media no Teatro. Tamén no Ribadeo de Tapeo haberá os Cantos de Taberna o 11 de maio. Ademais o 12 de maio, organizado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza teremos a oportunidade de gozar do concerto Long play, contra-recital salvaxe de Lois Pérez ás oito e media no Teatro. Un paisano noso, Miro Casabella, que xa hai tempo estivo aquí actuando coa Coral Polifónica de Ribadeo, vai estar nesta ocasión dando el o concerto e sendo acompañado pola Coral Polifónica de Ribadeo, o 18 de maio, ás oito e media, no auditorio. Tamén a Banda de Música Municipal de Ribadeo vai celebrar o seu tradicional concerto das Letras Galegas o 19 de maio ás oito e media, no Teatro. O Coro da Mariña dirixido por Ugía Pedreira vai estar connosco o 9 de xuño ás oito e media no Teatro. Haberá o festival tradicional de fin de curso da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo o 16 de xuño no auditorio. Para poñer o colofón a este trimestre tan cheo de música a Vargas Blues Band vai estar connosco o 22 de xuño, ás dez da noite, no auditorio”.

O concelleiro de Cultura dixo que “este domingo, 8 de abril, ás oito da tarde, no auditorio, poderemos ver unha obra de excepcional calidade dirixida polo grupo Contraproducións, que poñerá en escena O tolleito Inishmaan. Ten levado un feixe enorme de galardóns e recoñecementos con diversos premios. Volveremos ter a Enciclopedia Álvarez nesta ocasión na escola de Rinlo co grupo Ollomao de Barreiros o 29 de abril ás seis da tarde. Dentro do programa Apego a obra de teatro Leonardo e os fontaneiros o 11 de maio no auditorio, ás once e media”.

Farruco Graña seguiu a relatar que “continúan os IES Literarios e o 13 de maio achegarase ata o IES de Ribadeo Montse Prado. Haberá roteiros guiados por distintas zonas e recuperamos os Ventos Poéticos, que pretende facer un encontro nesta ocasión cunha autora portuguesa, un poeta asturiano e outro galego. Ademais o programa Cultura nas parroquias desenvolverá durante o 4, 5 e 6 de maio diversas actividades por varias parroquias. O documental A palabra xusta de María Piñeiro pode ser unha boa ocasión para que os homes e mulleres que nos dedicamos á docencia en toda a comarca nos acheguemos para poder debater entre nós a entrega que lle puxo Antía Cal ao seu labor profesional a través deste documental. Será o 7 de xuño ás 20:30 horas no Teatro”.

Graña animou aos veciños e veciñas de Ribadeo e aos dos concellos desta ampla comarca a achegarse a gozar das propostas culturais que atoparán ao longo dos vindeiros meses.